Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

lunes, diciembre 31, 2007

A lingua dos xudeus de Galicia


A lingua dos xudeus de Galicia
Xose Luís Méndez Ferrín

Os xudeus de Galicia falaban a lingua das cidades e vilas nas que moraban, ou sexa a galega. Os nomes persoais dos varóns eran bíblicos (Isaque, David, Abraham) pro eles tiñan a atención de nomear as súas mulleres de xeito galego e meliorativo: Clara, Rica, Ouro, Alegría. En canto aos nomes de familia e alcumes, parece que na súa maioría eran galegos (Méndez, Pereira, Espiñosa, Sánchez), Certo que Pérez é moi numeroso entre xudeus, tamén pode ter unha procedencia hebrea coincidente co patronímico galego. Podían levar os nosos xudeus apelidos hebreus ou de escura fasquía semítica (escura para min); así: Cohén, Benveniste (coma o lingüista) Mardochai (V. Risco dicía ser este o verdadeiro apelido de Marx), Calvasan. Chaman a atención, polo caracter hebreu deliberado, os nomes de Ioseph Ibn Hayyim e de Moisés Ibn Zabarah, iluminados e calígrafo, respectivamente, da Torah ou Biblia de Kennicott, ambos os dous artistas coruñeses, que fan ostentación da súa veciñanza galega.

Seguiron falando galego os xudeus dispersados e expulsos de fins de século XV? –pregúntame Lucía Pereira Espinosa. Voulle responder cunha hipótese.

Logo do degredo de expulsión lanzado pola intolerancia dos ben chamados Reis Católicos en 1492, é fama que a maioría dos xudeus de Galicia pasaron a Portugal. Gozarían do beneficio dunha rede social de apoio nas xudarías daquel reino. Pro, poucos anos despois (1496-1497), o rei don Manoel ordenou a conversión obrigatoria ou, alternativamente, o exilio de todos os hebreus de Portugal.

Penso eu que os conversos e cristiáns novos que quedaron en Galicia fóronse confundindo co resto da poboación e non parece que existisen verdadeiros núcleos criptoxudaicos. Con todo, sabemos que un acusado de xudaísmo foi queimado en auto de fe que se celebrou na Praza Maior de Madrid a fins do século XVII e presidido por Carlos II. Esta víctima levaba o apelido moi galego de Carballo.

O continxente de xudeus galegos, portugueses e cataláns que se asentou no Mediterráneo Oriental foi absorbido lingüísticamente polo continxente maioritario dos xudeus que falaban o castelán. E conformouse de tal modo a lingua e a cultura sephardita: sobre a base dunha preponderancia castelá. Reproduciuse nesta Diáspora, pois, o fenómeno da hexemonía e dominación castelá na Península Ibérica sobre as linguas galega e catalá, e, aínda despois, da portuguesa.

Entendo que houbo unha porción de xudeus galegos e portugueses que arraízaron nos Países Baixos. Nese asentamento, a lingua dos xudeos galegos e portugueses reunificouse. Pasaríase, así, a unha sorte de novo galegoportugués, neste caso sephardita. Tal lingua foi usada polas familias de ascendencia galega e portuguesa nos Países Baixos até a Idade Contemporánea moi avanzada. Documentos en lingua sephardita galegoportuguesa consérvanse en arquivos de Amsterdam, teño entendido. O sephardita galegoportugués utilizouse como lingua oral e escrita nos Países Baixos deica a segunda metade do século XIX ou aínda máis adiante. Supoño que por eses tempos as nosas comunidades xudías dos Países Baixos se achegarían ao asquenazismo e adoptarían como lingua propia o neerlandés Non coñezo estudos nos que se elucide o elemento galego deste galegoportugués dos Países Baixos nin que falen do elemento galego presente no xudeocastelán sephartita.

E ben, tanto na Europa Occidental coma na Oriental e no N. de África, perdida a lingua galega ou non, os sepharditas de orixe galega mantiveron moitos dos seus apelidos até os nosos días, aínda que sexa nalgúns casos difícil diferenciar o que é galego de aquilo que é portugués. En Galicia estamos moi orgullosos da posíbel orixe galega de certos sepharditas. Por exemplo: Francisco Sánchez, teorizador extremo do escepticismo no século XVI; Baruch Spinosa (Espiñosa, supoño, na orixe), filósofo revolucionario e único do século XVII; Pierre Mendès-France, o político perfecto do radicalismo pequenoburgués.

Observación

Hoxe os cursidosos da historia dos xudeus en Galicia poden aproveitarse da lectura dunha obra moito documentada e compendiosa de Gloria de Antonio Rubio: Los judíos en Galicia (Fundación Barrié, A Coruña 2006). Gustaríanos precisar que os hebreus que aparecen mencionados en dous documentos do ano 1044 que se inclúen no Tombo de Celanova, sendo os primeiros de tal nación que figuran localizados en Galicia, non viviron, segundo a información que chegou a nós, en Celanova Vagamente aparecen localizados (nin sequera fixados) no val do Arnoia e nas proximidades das aldeas de Fechas e Soutomel, como dependente dun feudal e para nada do abade de Celanova. En 1044 Celanova non era un núcleo urbano, senón só un convento. En todo caso, a vila de Allariz atópase a uns 12 quilómetros do teatro dos acontementos nos que se mencionan estes primeiros xudeus advertidos na documentación galega. E Allariz si que tivo xudaría ben poboada e documentada anos máis tarde.

miércoles, diciembre 26, 2007

Tes sangue xudea?


Os apelidos que poden consultarse nas seguintes ligazóns foron publicados polo periodista e escritor catalán Pere Bonnín no seu libro "Sangre judía. Españoles de ascendencia hebrea y antisemitismo cristiano" (Flor de Viento Ediciones. Barcelona, 1ª edición 1998). Estos apelidos están tirados das listas de penitenciados polo Santo Oficio, dos censos das xuderías e de outras fontes que indican claramente que a persoa portadora do apelido é xudea ou xudeoconversa. Por conseguinte, todos estes apelidos son potencialmente de ascendencia xudea, ainda que os seus titulares non teñan conciencia.
A B C D E F G H I J K L M N
O P Q R S T U V W X Y Z

jueves, diciembre 20, 2007

Israelitas. Un artigo de Méndez Ferrín


Xosé Luís Méndez Ferrín
Temos falado eiquí da orixe xudía, nunca probada, de certas familias de Vilanova dos Infantes, incluída a miña. No ronsel desta idea escríbeme Lucía Pereira Espinosa desde A Coruña para saber sobre a miña opinión sobre dúas cuestións. Primeira; qué é o que significa ser xudeu ou xudía. Segunda: se é que existen comunidades sepharditas de orixe galega que conservan a nosa lingua. Non me sinto capacitado para responder a estas difíciles preguntas, máis intentareino con atrevemento temerario.Serán xudeus, hebreus, israelitas, aqueles que proveñan de comunidades predominantemente urbanas que se extenderon por Europa, N. de África e Orinte Próximo desde a Idade Antiga e que tiñan como signo identitario a relixión étnica e o relato nacional que se cifra no que nós chamamos Pentateuco e eles Torah e o hebreu coma lingua sagrada e de cultura. A respecto do hebreu, os xudeus, segundo o grande relato, dende os días do Cativerio de Babilonia deixaron de falalo para asumiren diversas linguas do mundo, ás veces adaptándoas ás súas peculiaridades culturáis. Se a lingua hebrea era a da relixión e do culto na sinagoga nos días de Xesús Xosé e María, poño por caso, eles non a falaban e si a aramea en cambio. Tamén non falaba hebreu Flavio Iosefo.Na Idade Moderna, as comunidades xudías, do Mediterráneo Oriental principalmente, construíron unha identidade sobre a lingua castelá evoluída de modo particular chamada djudio ou ladino, que é coñecido tamén como xudeocastelán. Estas comunidades foron chamadas sepharditas porque procedían de Sepharad, ou sexa da Península Ibérica, de onde foron expulsados polas monarquías cruéis e católicas do absolutismo nacente en España e Portugal a fins do século XV. “Hay una tierra al Oeste/ que nunca puedo olvidar./ Hay una tierra al Oeste:/ Es mi dulce Sepharad”. Un grande continxente de xudeus vivían nos ghettos ou xudarías de Centro e Leste de Europa e alí foron fraguando unha outra identidade que tiña coma lingua o Jüddisch ou yiddish, palabra que, como o djudío sephardita, significa “xudeu”. Este Jüddisch é alemán transformado nas comunidades de que falamos e que son chamadas askenazís. Por outra parte, ao longo do tempor fóronse conformando outras culturas e sociedades xudías de lingua árabe, amhárica (en Etiopía) e máis das que só temos moi vaga referencia no Fondo dos Espellos.Os universos sepharditas e askenazí son moi diferentes e semellan ter só en común a referencia á Torah e ao Talmude. O sionismo xurde da cultura askenazí a fins do século XIX e proponse co obxetivo heroico de resucitar o hebreu como lingua oral e viva e fundar en Palestina, mediante unha sorte de Reconquista, un Estado Xudeu que necesariamente tería que desprazar a poboación árabe autóctona. Tal obxetivo cumpriuse ao termo da II Guerra Mundial e eu observo moi poucas personalidades sepharditas na nomenclatura política do Estado de Israel.Pro, cando nos preguntemos por quén é realmente xudeu, os problemas son moitos e penso que irresolubeis. Serán verdadeiros xudeus os sionistas laicistas para os que a relixión é só unha compoñente histórica e nacional? Eles din que si. Pro, podesmo considerar xudeus os sepharditas Francisco Sánchez, filósofo escéptico extremo do século XVI, ou Baruch Spinoza, xenio do século XVIII que teorizou o panteísmo? Diríamos que era xudeu o descrido e falsamente converso Fernando Rojas, autor de La Celestina, ou o heterodoxo para os católicos Frei Luis de León? Poderíamos chamar xudeus a Karl Marx, Albert Einstein, Sigmund Freud, Leon Trotski ou mesmo Woody Allen ou Bon Dylan por moito que proviñesen de familias de boa torgueira askenazí? Marx pensaba que non, e aborrecía o modo de vida xudaico en canto que o anti-xudeu Vicente Risco, e outros que forman estúpida lexión, pensabal e pensan que xentes coma estas conspiraban e conspiran no nome da mentira dos “Protocolos de Sión” para minar, disolver e destruír a civilización cristiá e demáis fantasías. E o que aínda é máis difícil de precisar: era xudeu Saulo, ou Paulos de Tarso, que arrincou a idea étnica do Deus privativo de Israel da sinagoga e chamos a todos os xentís, con éxito, a asumila ao tempor que fundaba o cristianismo?Lectura recomentada: Reflexións sobre a cuestión xudía de J.P. Sartre. En próximas entregas seguirán pasando israelitas polo Fondo dos Espellos . Especialmente falaremos da nosa lingua no mundo da diáspora sephardita.