Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

martes, febrero 12, 2008

Queres mirarlle a cara a un xudeu galego?






¿Que sabemos dos xudeus galegos? As sombras que quedaron nos pergameos dos aristócratas. O medo instalado no rural galego durante séculos pola Inquisición. Apelidos de frutais. Pero non nos quedaron nin anacos da súa voz, a diferencia doutros lugares; non se salvaron escritos nos que desenvolveran cábala, matemáticas, economía, se cadra algún papel administrativo, algun contrato, algún pleito. E nada máis, nada que nos levara ata a súa vida cotiá. Non pensaba eu que teriamos o privilexio de ver as súas caras, a súa expresión. Ata onte. Ata onte mesmo, e guiounos David e a xente da aldea ata elas. Puidemos mirarlle á cara pétrea dun xudeu galego, que debeu traballar nese rural ao servizo administrativo dalgún terratenente do viño do Ribeiro. Estas ruínas, estas silveiras bravas, son, de verdade, un lugar excepcional e único. En ningún outro sitio de Galicia podes ver o retrato dun matrimonio sefardita. En ningún outro lugar, a súa memoria recuperada son ollos, narices, boca, sombreiros, flores pétreas.

Esta familia tiña unha destacada casa no alto do lugar de Quintela, en Cabanelas. Desde o dintel da entrada a parella mira para os visitantes que atravesan esta porta. Hoxe, cinconcentos anos, son eu o que me meto neste dintel, con silveiras prendidas ata nas orellas, e miro para vós coma un parvo. ¿Como vos chamariades? Baruch e Mariam, se cadra? ¿Colleriades a mula en 1492, correndo atropeladamente ata a fronteira portuguesa, sen mirardes atrás? Fuxiriades coas riquezas nas sacas, nenos da man, por enésima vez na Historia, á noite? Que vos dirían os labregos, ao saber que marchabades ás caladas e escuras por esa estreita e húmida ruela de escadas de pedra, mentres cáseque se escoitaban os cabalos dos lacaios bufando polo camiño de Ribadavia? Calarían eles? Cuspirían ao voso paso en vinganza polo teu traballo pouco grato e innóbel? Daríanvos refuxio na casa de familiares das montañas?

Ou, trala expulsión, os habitantes da casa ¿seríades vós mesmos, ou os vosos fillos, cristianados? Con prudencia, os propietarios construíron un avance por diante deste perigoso dintel, pero a Historia desvélanos un detalle íntimo. Non esborrallaron, non tocaron a antiga estrela da fe davídica, nin os retratos dos fundadores. Quedaron gardando esa casa de Sefarad. E esa tamén debeu ser unha historia digna de ser contada. Agora xa non. Agora xa todo esmorece, coma sempre, diante nosa, nun labirinto de casas ruinosas e unha aldea agónica.