Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

miércoles, julio 30, 2008

Homenaxe a tres irmás de Ribadavia por axudar aos xudeus a fuxir dos nazis


Homenaxe a tres irmás de Ribadavia por axudar aos xudeus a fuxir dos nazis

En setembro vinte localidades españolas celebrarán a IX Xornada Europea da Cultura Xudía, entre as que se atopa o pobo de Ribadavia. Dentro das celebracións realizarase unha homenaxe ás irmás Lola, Amparo e Xulia Touza Domínguez de Ribadavia (Ourense) por axudar a numerosos xudeus na súa fuxida dos nazis cara a Portugal durante a Segunda Guerra Mundial. Estas tres irmás axudaron aos xudeus perseguidos polo nazismo a escapar, proporcionándolles un lugar no que esconderse para despois levalos en automóbil até Portugal. Un proceso que levaron adiante durante os anos da Segunda Guerra Mundial de forma clandestina. Un dos organizadores do evento, Xosé Ramón Estévez, explicou que a historia das irmás Touza é descoñecida para os seus veciños da vila ourensá «a pesar de que vivían a cinco metros da praza Maior no Barrio Xudeu e atendían unha cantina circular da estación de tren de Ribadavia e todo o mundo recordaas por iso». Segundo Estévez, só queda constancia da actividade clandestina das tres irmás nun relato do escritor e libreiro Antón Patiño Regueira que recolleu na súa obra "Memoria de ferro" os retratos dos seus compañeiros de mocidade antifranquista. Segundo Patiño, Lola, Amparo e Xulia vendían no seu quiosco melindres, rosquillas, pavías de Beade e Vieite (Leiro), licor café e viños do Ribeiro «e da venda obtiñan o necesario para manter a súa vivenda na vila».

TRABALLO EN SEGREDO

Tras a Guerra Civil, as tres irmás, segundo o relato de Patiño, se «xuramentaron» para crear unha rede de apoio aos xudeus perseguidos en Europa e encargábanse de envialos a Portugal coa complicidade dun familiar taxista e outro amigo con vehículo. As mulleres escondían primeiro aos fugitivos na súa propia casa e pola noite enviábanos á fronteira nos vehículos amigos pola estrada que cruza Arnoia, Cortegada e Ponte Barxas. A primeira en falecer foi Lola, en 1966, logo Amparo en febreiro de 1981 e Xulia en xuño de 1983 e están enterradas nun grupo de nichos do cemiterio de Ribadavia, xunto cos seus outros catro irmáns, e alí recibirán unha homenaxe en forma de ofrenda floral prevista para o día 7 de setembro. Este será un dos cen actos previstos para os primeiros días de setembro nas vinte vilas e cidades de España e outras de trinta países europeos máis, integradas na rede de Xudarías e noutras cinco que farán de colaboradoras

La Región.26.07.08

sábado, julio 26, 2008

domingo, julio 06, 2008

O meu tío xudeu


Grazas ao enorme traballo de www.galiza-israel.org descubro este libro de Antón Patiño no que aparece o seguinte fermoso texto:
O meu tío xudeu
Por Antón Patiño Regueira

Rafael Maceiras, artista toneleiro, mantiña taller de honra na Moura coruñesa. Os seus ollos eran azuis e a súa ollada tan doce que cativaba os que o vían laborar sempre con kippah. Admiraban nel as maneiras suaves no facer e o seu falar mu­sical e vagaroso coas palabras. Era o meu tío avó. Xudeu practicante en 1930, sentía por el todos os meus respectos. Teño matinado sempre sobre as súas orixes e no meu miólo aboiaban sen resposta certa. Que apelidos xudeus serían os seus? Cal sería a súa familia de orixe antes de lle ordenar a conversión? Pertencera as familias que non cederán na diáspora sefardí? Nunca o souben. Tampouco se chegara dos ramallos xudeos que asentaran en Monforte e Ribadavia ou se emparentaba coa xudaría doceira de Sober. Nin se tina liña cos que moraban en Compostela mantendo apelidos dos xudeus galegos conversos: os Castiñeira, Sobreira e Moreira, os Carballo, Maceira ou Moure.

Aínda o meu tío soubo do insulto de marraos adicado a eles. Como os que, ano si ano non, recibían os da Calexa de Monforte logo de seren acusados de meter o Cristo da Régoa nunha bogada quente. Algún veciño daba en correr a voz e mesmo que escoitara os berros do Xesús escaldado pola auga férvida para, decontado, comezar o saqueo de tendas e negocios. Voltaban os xudeus a refacer os seus comercios e, como formigas, de novo prendían un labor para eles de vida e esperanza. Novas transaccións e novos acopios até o día que calquera outro veciño, tamén comerciante, viñese outravolta co contó do Cristo da Bogada. O que aínda hoxe se mostra na igrexa da Régoa.

Cando poucos xudeus quedaban xa por espolicar acabou a lenda dos laios do cristo escaldado. Os da Calexa foron encartando e o tempo foi dispersándoos e entrelazando coas familias veciñas. Xa ninguén preguntou se eran conversos ou cristiáns vellos. Mais ao meu tío Rafael Maceiras si llo fíxeron. Víriase obrigado a se achegar case todos os días ao cuartel da garda civil despois de xullo de 1936. Querían saber das prácticas dos xudeus da Coruña aqueles beneméritos que construían polo ruin o seu imperio de terror. Petaban tamén na ventá do meu tío avó no taller da Moura cando lle entraba a vea a calquera parella camiñeira da garda civil. A súa horta eterna chegoulle, logo de sufrimentos para el e a súa familia, quizais ala en Xudea como soñaba. Rafael Maceiras, construtor de sellas, baldes e bocois. o meu tío, era un santo de ben e un artista toneleiro.
"Memoria de ferro". Edicións A Nosa Terra (2005)