Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

Mostrando entradas con la etiqueta tui. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tui. Mostrar todas las entradas

lunes, septiembre 30, 2013

Tui reviviu un ano máis a súa achega xudía




A pesares da chuvia máis de cen persoas puidemos participar nas visitas programadas polo Tui xudeu.

Esta pasada fin de semana tivo lugar na cidade de Tui unha nova edición da “Xornada Europea da Cultura Xudía” con catro visitas guiadas ao longo destes días que abordaron a visita ás diversas testemuñas que se conservan no conxunto histórico tudense sobre a presenza xudía. As malas condicións meteorolóxicas non impediron que as xornadas se desenvolvesen aínda que con menor afluencia que en edicións anteriores. Con todo máis dun cento de persoas participamos nestes itinerarios ao longo da fin de semana.

domingo, agosto 21, 2011

II Sehudat Shabat en Galicia



Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI continuan co ciclo de actividades gastronómico-culturais encetado o pasado 11 de xuño en Monforte de Lemos co que será o II SEHUDAT SHABAT que desta volta terá lugar en Tui, (Pontevedra), o vindeiro día 3 de setembro.

Data: sábado 3 de setembro de 2011
Hora de encontro: ás 12:00 ao pé da porta da Catedral para unha visita guiada polas testemuñas do Tui xudeu.
Lugar: Tui, (Pontevedra)
Hora do Xantar: ás 14:00 no Restaurante do Parador Nacional San Telmo de Tui, sito na avenida de Portugal s/n (Teléfono: 986 600 300)

O prezo do prato é de 35€ por persoa, que deberá ser ingresar previamente facendo constar o nome e número de comensais na seguinte conta bancaria da Asociación
NOVACAIXAGALICIA: 2091 0518 57 3040025495.
O prazo para anotarse e facer o ingreso remata o venres 26 de agosto ás 14:00 horas.

Menú do II Sehudat Shabbat:

- Ensalada de Cogombro en Vinagre de Sidra e Mel de Acacia
- Surtido de Queixos e Cecina
- Filetes de Salmón ao fiuncho (Hinojo) con Arroz e Froitos Secos
- Mazá Asada con Mel e Peixes Amendoados
- Pan: de Bola, de Pasas e Noces
- Bebidas: Cervexas, Refrescos, Mosto sefardí, Augas Minerais, Viño Branco ( DO Rias Baixas ) e Tinto ( DO Rioja )
- Café e Licores

Como chegar ao Parador?

O Parador atópase a 1 km. do centro de Tui, á beira do río Miño, xunto á Ponte que comunica con Portugal. Desde o norte de Galicia, a principal vía de acceso é a autoestrada do Atlántico (A9) até Vigo e desde Vigo pola autovía das Rías Baixas até a altura da última saída antes de chegar a Portugal (saída Nº 172 Tui- A Guarda - O'Rosal). Outra alternativa é a N -550, ou desde o resto do país, a autovía A52 e a N-120, abandonando esta no Porriño, para tomar a autovía das Rías Baixas a Portugal.

II SHEHUDAT SHABAT

A nosa arela é recuperar na nosa Memoria colectiva, as vivencias e a Historia das comunidades xudías de Galicia. Pretendemos con este segundo xantar seguir coñecendo o noso pasado histórico e alimentando o alma e a carne coa cociña sefardí dos nosos devanceiros xudeus galegos.

Comezamos estes xantares polas lareiras sefardís galegas en Monforte de Lemos. Agora tócalle a fermosa vila de Tui onde visitaremos acompañados polo historiador Suso Vila as testemuñas do Tui xudeu, falaremos do seu pasado e para remate iremos ao xantar do 2º Sehudat Shabbat. Coñeceremos entón os costumes alimenticos e as normas para o xantar según a tradición hebrea.

Son moitas as receitas típicas para poder cociñar nestas datas próximas de Rosh Hashaná, o Aninovo xudeu, pero decidímonos para este segundo xantar polo menú que agardamos sexa do voso gusto.

Bo proveito!
Betéavon!

Se queres participar podes chamar ao teléfono de AGAI: 610 424 174 ou ben enviar un correo a amizadeconisrael@yahoo.es

Non é preciso ser socio de AGAI

martes, agosto 02, 2011

Presenza xudía en Tui, mitos e realidades



Rafael Sánchez Bargiela

A feliz iniciativa tudense de sumarse ás celebracións que, por toda Europa, se realizan nesta fin de semana para chamar a atención sobre o importante papel que a cultura xudía tivo no desenvolvemento da cultura europea posibilitará que os tudenses poidan achegarse mediante visitas guiadas a diversas testemuñas materiais que evidencian a herdanza das xentes xudías na nosa cidade.


Conta Tui con duas testemuñas, case únicas, que ilustran a presenza e influencia das xentes xudías na nosa cidade. Por unha banda, a inscrición no Claustro da Catedral dun candelabro de sete brazos, unha menorá, situada fronte a entrada á Sala Capitular románica. O historiador Carlos Barros, sinala que “a gravación desta menorá non se pode confundir cunha marca de canteiro, como ás veces a estrela de cinco puntas; polo seu tamaño e significación non cadra cunha función técnico-constructiva, pois representa de xeito sen dúbida consciente o símbolo máis antigo do xudaísmo: o candelabro de sete brazos como imaxe identificativa do pobo de Israel”, que rememora a arbore con lapas que viu Moisés no Monte Sinai como presenza de Deus, e o seu uso estaba xa no Tabernáculo do deserto e logo no Templo de Xerusulen. Ainda na actualidade é o símbolo do Estado de Israel. O curioso é que ninguén foi quen de borrar este símbolo nin nos tempos da Inquisición, cando foi establecido o estatuto de limpeza de sangue para o acceso ao Cabido tudense, primeiro caso documentado en España.


A outra testemuña, é a coleccón de “Sambenitos” que custodia o Museo Diocesano tudense. O nome que deriva o hábito penitencial ou “saco bendito” dos primeiros tempos do cristianismo, otorgouse na Idade Media ás vestimentas que eran obrigados a portar os condenado pola Inquisición. En tempos de Felipe II regulouse que no caso de condenado fuxidos foran colocadas nas paredes da igrexas unha teas cos nomes e cargos dos condenados para escarnio público. As pezas de Tui corresponden á diversos membros da familia Coronel condenados no século XVII. Estes sambenitos son unha peza de excepcional importancia pois non coñecemos outras similares en toda España ou Europa. A lectura da obra de Jesús Casás Otero “Los sambenitos del Museo Diocesano de Tui” é recomendable para quen quera achegarse ao proceso que desemboco una colocación destas teas nas paredes da Catedral tudense (ás veces semilla unha trama novelesca).


Os traballos de Ernesto Iglesias Almeida e de Suso Vila teñen amosado como a presenza xudía en Tui foi una constante ao longo da Idade Media e mesmo nos primeiros tempos da Idade Moderna. Pero circulan entre os tudenses máis de un erro sobre esta presenza das xentes de Separad en Tui.


En primeiro lugar, o que podemos afirmar é a inexistencia dun barrio xudeu ou xudería na nosa cidade, como moitas veces temos escoitado afirmar. Os xudeus tudenses vivían misturados cos cristiáns, sen problemas graves de convivencia, dedicados básicamente ao comercio, a artesania (prateiros), etc. O que está documentada en Tui, compartida con Baiona, é a existencia da alxama ou agrupación de carácter fiscal e económico que reunía aos xudeus tudenses. Con todo serían, como moito, unha ducía de familias xudías as que residirían en Tui, pois en Galicia os xudeus non superarían as mil personas.


Outra falsidade moitas veces escoitada entre os tudenses é vencellar a presenza dos arcos conopiais en numerosas vivendas do noso conxunto histórico coa residencia dun xudeu naquela casa. Os arcos conopiais corresponden a edificacións levantadas básicamente do século XVI, cando xa os xudeus tiñan sido expulsado do Reino de Castela.


Na Idade Media Tui contaba cunha comunidade xudía potente e asentada como testemuña a existencia da sinagoga, na zona da Oliveira, o cemiterio, na Sarabia, e a carniceria na zona da rua Triparia, actual Entreforros –non esquecamos que os xudeus soio poden comer alimentos kosher, elaborados segundo as prescipcións do Talmud, entre eles, a carne onde establecese un procedemento detallado para o sacrificio dos animais-. A presenza deste establecemento é un dato único en Galicia, pois non atopamos referencias similares en ningunha outra cidade ou vila galega.


Unha lectura dos traballos de Iglesias Almeida e Vila Botanos nos achegan á realidade da presenza xudía en Tui, patentizando a importante achega que as xentes xudías realizaron á historia tudense, ao seu desenvolvemento e progreso. A pacifica convivencia foi unha constante, mesmo para as nosas mentalidades nos sorprende como os prateiros xudeus realizaban cruces e cálices para o Cabido catedralicio amáis de prestarlle diñeiro cando teñian dificultades económicas o de liquidez.


Tras a expulsión dos xudeus de 1492 a situación estratéxica de Tui favoreceu a presenza en Tui dos chamados “cristianos novos”, ou xudeus que para non marchar convertíranse ao cristianismo, ainda que mantendo prácticas e/ou costumes propias da sua cultura. Foi, por exemplo, o caso de Antonio Sánchez, que chegado cos súa familia dende as terras de Aragón fuxindo das persecucións que ali houbo, estableceuse en Tui como médico do Cabido. Un dos seus fillo, Francisco Sánchez, nado en Tui en 1550 será logo un dos máis prestixiosos médicos e filósofos da súa época. Con poucos anos, acaso en torno a 1560, a familia tivo de fuxir de Tui pola presión antihebrea establecéndose na cidade francesa de Burdeos, onde incia a súa formación académica Francisco Sánchez, xunto co seu parente Michael de Montaigne. Os seus escritos, básicamente o “Quod nihil scitur”, fan de Francisco Sánchez o máis importante exemplo da aportación dos xudeus e os xudaizantes á historia de Tui. Francisco Sánchez é un dos tudenses máis sobranceiros de todos os tempos, resultando aínda paradóxico que en Tui non teñamos nin unha rúa nin unha estatua que faga xustiza a súa excepcional achega á filosofía universal. A obra de Sánchez, editada en 1581, é unha fonte de inspiración (para moitos sinxelamente una copia) para René Descartes e o seu “Discours de la methode”, anunciando o discurso filosófico que está na orixe do pensamento moderno, o problema é que Francisco Sánchez escribía en latín e René Descartes en romance, cando o latín xa non era comprendido e deixaba de ser usado na Universidade. Xudeus e xudaizantes pois unha referencia certamente ineludible na historia tudense.

domingo, julio 24, 2011

Sobre xudeus tudenses



Suso Vila. Historiador


A importancia da comunidade xudea de Tui reflíctese nunha documentación bastante completa da convivencia, expulsión e conversión dos xudeos tudenses e duns restos materiais que se manifestan en diferentes puntos da cidade. Un dos aspectos, entre outros, que diferencian a comunidade hebrea tudense das do resto de Galicia é a existencia de carnicería propia, tal e como sinala Gloria de Antonio Rubio (Los judíos en Galicia 1044-1492, F. Barrié de la Maza, 2006). Outro aspecto moi importante, engadiríamos, sería o do xudeo Davi, aliofareiro, un prateiro que se especializa en perlas (aljófar), o único que se rexistra en Galicia e que acompaña aos que aparecen na documentación doutras xuderías castellanas (F. Cantera, "La judería de Burgos", Sefarad, XII, p. 75; Fidel Fita Colomé, "La judería de Segovia. Documentos inéditos", http://www.cervantesvirtual.com). Isto non é casual, nos fala do comercio tudense, da importancia da cidade como para que radicasen nela especialistas destas características que traballaban por suposto para un mercado rexional, non simplemente local. Son estos datos os que fan de Tui unha cidade medieval notable no noroeste da Península Ibérica. O cronista oficial da cidade, nun alarde de acientificidade, ignora a etimoloxía da palabra "aliofareiro" (Diccionario crítico etimológico de la lengua castellana de J. Corominas) e se burla dos filólogos nunha clara manifestación do abandono do razonamento científico e nunha aproximación máis que lamentable a conxeturas fantasiosas que tentan infravalorar a importancia de Tui e da súa historia tal e como xa ten feito anteriormente. As obsesións do cronista oficial da cidade o leva a entrar en contradiccións, a perderse en divagacións esotéricas froito da mala praxis que ten feito do seu cargo, facendo críticas destructivas que levan ao descrédito da institución e de si mesmo. Recurrir a argumentos infantiles, como expresión dunha pataleta parvularia, non aporta cousa algunha ao debate e o perde nunha marea de verbas sen sentido
.

viernes, junio 03, 2011

Tui xudeu




Moi pouco se sabe da comunidade hebrea de Tui, e aínda que se presupon que era bastante importante, tamén outórgaselle unha gran mobilidade pola proximidade xeográfica con outras cidades e portos importantes como Vigo, Baiona e Salvaterra, onde igualmente existían comunidades xudeas asentadas e prósperas. O que se pode afirmar é que tras a expulsión dos xudeus de Portugal, os cales maioritariamente eran sefardíes españois que se aloxaron en Portugal tras a expulsión dos Reis Católicos, Tui comezou a recibir grandes cantidades de xudeus católicos novos. Co paso dos anos, case todos converteronse ao catolicismo, e gran parte optou por ingresar na igrexa, chegando a existir un gran número de conversos no clero tudense que pouco a pouco ía subindo na xerarquía eclesiástica. A sé episcopal de Tui solicitou establecer o Estatuto de limpeza de sangue en 1609 para frear esta ascensión dos católicos novos. Repetiron a solicitude en 1616, e en ambos casos a Cámara de Castela denegoulles a implantación. O barrio xudeu atopábase ao amparo da Catedral-Fortaleza, baixo protección do bispado, abarcando as rúas Fornos, Entrefornos (actual rúa do pracer), Ruela da Soidade, Rúa do Ouro e Ruela do Ouro. De mesmo xeito, tamén é probable que os negocios hebreos máis prósperos de Tui estivesen emprazados nos soportais da famosa rúa Corredoira. Na actualidade, e grazas ao crecente interese polo pasado hebreo de Galicia, as vilas de Tui e Monforte tamén pasaron a formar porta da ruta das xuderías españolas, formando, xunto con Ribadavia, unha sub-ruta dentro do programa "Caminos de Sefarad". A cidade de Tui, sede episcopal, foi unha das sete provincias galegas. O seu papel a historia de Galicia foi determinante polo seu carácter de fronteira con Portugal.

domingo, septiembre 06, 2009

Tui revela a historia dos seus preteiros xudeus

Numerosos asistentes escoitan as explicacións fronte aos cetros de prata dourada.

A vila tudense foi a de maior porcentaxe de asentamento sefardí en Galicia, en 1464
***
EVA GONZÁLEZ - Faro de Vigo - TUI
Valiosas pezas en prata dourada e outras con pedras preciosas, as máis antigas que se gardan no Museo Catedralicio, deixaron de ser onte só obxectos ao revelarse a historia vinculada aos seus autores: prateiros xudeus que traballaron para o cabildo da catedral de Tui nos séculos XV e XVI, aínda que queda por saber se o ourive do século XVIII, autor do primitivo barco de prata de San Telmo, tamén era xudeu.
***
A cidade de Tui alcanzou no ano 1464 un 7% de poboación xudía, a porcentaxe máis elevada en Galicia. Un nutrido grupo de visitantes tiveron onte a oportunidade de coñecer esta parte da historia tudense, con episodios de intriga, dentro do programa da X Xornada Europea de Cultura Xudía que organiza a Concellería de Cultura de Tui e que prosegue hoxe domingo con visitas a lugares do conxunto histórico. O historiador Xosé Ramón Fernández Fernández era onte o erudito guía que revelou capítulos, coma o do ourive de maior produción de calidade, Pero Amin (século XVI), fillo doutro prateiro e autor do pé do cáliz gótico de prata dourada, cuxo astial e copa fabricaran no século XV os ourives Jacob e Abraham, que tiñan os seus talleres preto da catedral.
***
Outras pezas mostradas foron os cetros de dignidades, en prata dourada e de gran peso, que se utilizaron en procesións. Comezou a realizalos no ano 1528 un prateiro portugués converso que non os acabou pola visita dun comisario da Inquisición. Deixou feita a parte superior dos cetros "usando unha linguaxe renacentista e evocando á obra arquitectónica do fornelo de San Pietro in Montorio, de Roma", explica Xosé Ramón Fernández. O relicario do copón de coco e o poder alcanzado polos cóengos Francisco Coronel e o seu curmán Tomei, ocuparon parte da explicación.