Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

viernes, agosto 31, 2007

Fantástica viaxe a Israel desde Galicia

Os amigos de AGAI - Asociación Galega de Amizade con Israel organizan unha expectacular viaxe a Israel no próximo mes de novembro. Para máis información pincha aquí

sábado, agosto 25, 2007

Poema de Álvaro Cunqueiro en Hebreo

A dama que ía no branco cabalo
levaba un paño de seda bordado,
Na verde fror
as letras van de amor!
O cabaleiro do cabalo negro
levaba unha fita colléndolle o pelo.
Na verde fror
as letras van de amor!
No medio do río cambiaron as vistas,
el para o paño e ela prá fita.
Na verde fror
as letras van de amor!
As vistas lies virón no río cambiar
e o paño e a fita por se namorar.
Na verde fror
as letras van de amor:
Con amor vivirás !
De Álvaro Cunqueiro

viernes, agosto 24, 2007

Voda xudía na Festa da Istoria 2007

Voda Xudía
No pasado, e hoxe en día en algúns círculos relixiosos, a elección da parella non era feita polos noivos senon pola familia e dentro desta principalmente os pais eran os que escollian o futuro do seu fillo ou filla. A cerimonia se efectuaba baixo un palio chamado Jupá. O oficiante, xeralmente un Rabino, era quen casaba á parella. Despois da cerimonia o noivo rompia cos pes unha copa de viño, mostrando a súa alegría polo casamento. Dentro da “Festa da Istoria” a voda xudía se limita a unha representación do que foi unha realidade. A actividade é seguida por centos de persoas tanto na súa cerimonia coma no percorrido polas rúas do casco historico, debido á singularidade do vestiario e os canticos sefardíes que recrean o ambiente de aquela época.

miércoles, agosto 22, 2007

Programa da Festa da Istoria 2007



PROGRAMA 2007
23,24 e 25 de Agosto de 2007
XOVES 23
20:30 - ACTUACIÓN MUSICA NA IGREXIA DE SANTIAGO. GRUPO "CORO DA ISTORIA" (CORAL CLUB ARTISTICO) E GRUPO DE MUSICA MEDIEVAL "XOGRARESCA".
VENRES 24
21:00 - ANIMACIÓN DE RÚAS. Actuación do Grupo Cabraloca polas rúas e prazas da vila.
22:30 - DESFILE dos SBANDIERATORI DI CASTEL MADAMA (ITALIA). Saída do Cruce do Carballiño.
23:00 - ACTUACIÓN dos SBANDIERATORI DI CASTEL MADAMA na Praza Maior.
23:30 - A SANTA COMPAÑA. Actuación dos grupos: "A Tres Manos" e Cabraloca"
SABADO 25
10:00 - LECTURA DO BANDO DA ISTORIA polas rúas e prazas da vila.
10:30 - APERTURA DO BANCO DA ALHÓNDIGA na praza maior
11:30 - DESFILE DA ISTORIA con saída dende o pavillón.
12:15 - PREGÓN DA ISTORIA na praza maior.
12:30 - ENTREGA DE MEDALLAS DA ISTORIA na praza maior.
13:00 - VODA XUDEA na Sinagoga da Madalena.
13:00 - XADREZ VIVINTE no auditorio do castelo.
13:30 - CARREIRA DE PIPOTES saída do cruce do carballiño.
13:45 - BAILE MEDIEVAL na praza maior.
14:30 - ACTUACIÓN DO GRUPO CABRALOCA na praza de San Xoan.
16:00 - DESFILE dos SBANDIERATORI DI CASTEL MADAMA polas rúas da vila.
16:30 - ACTUACIÓN dos SBANDIERATORI na praza maior.
17:00 - TIRO CON ARCO no campo da feira.
18:00 - TORNEO MEDIEVAL no campo da feira. Grupo Legend Especialistas.
19:30 - CETRERIA. Grupo FALCON Exhibición no campo da feira.
20:00 - ESGRIMA MEDIEVAL. Club de Esgrima el Olivo no Auditorio do Castelo.
20:30 - BAILE MEDIEVAL no auditorio do castelo.
21:30 - TEATRO "O MALSIN" no auditorio do castelo.
22:30 - CEA MEDIEVAL na Igrexia da Madalena.
22:30 - PECHE DO BANCO DA ALHÓNDIGA.PENSANDO NOS NENOS.
12:00 - XOGOS PARA NENOS ATE AS 13:00 H.16:00 - XOGOS PARA NENOS ATE AS 20:00 H.17:00 - TITERES.17:30 - CONTA CONTOS.

jueves, agosto 16, 2007

O xudeu Xacobe. De Carlos Casares


De Carlos Casares*

Texto incluído no seu libro "Os escuros soños de Clio" e publicado en GALIZA-ISRAEL

Fala o P. Heitor Joaquim Arrais no seu Relatarlo crítico sobre supersticdes, Coimbra, 1723, da viaxe que realizou a Galicia poucos anos antes da data de aparición do libro citado, para coñecer en persoa a un xudeo pontevedrés chamado Xacobe, sobre o que escoitara, sempre de labios de xente aparentemente responsa­ble e digna de creto, que nacera e vivira nos tempos de Cristo. Era, polo visto, tal a cantidade de datos fidedignos que ofrecía o interesa­do e tan curiosas as cousas que contaba, que aínda os seus máis escépticos interlocutores acababan por rendirse diante da contundencia duns argumentos que ao parecer facían evidente o que dicía, por máis que a razón se negara a acéptalo de bo grado. Foi entón Arrais de Coimbra a Pontevedra para comprobar a falacia de canto escoitara, pondo especial coidado no segredo e na intención da súa viaxe a fin de evitar que o tal Xacobe se puidera enteirar dalgún xeitu, pois xulgaba moi impor­tante para o éxito do seu propósito que o en­contro tivera lugar sen previo aviso e por sor­presa.
Chegou o sabio bieito portugués a Ponteve­dra nos días amargos do despiadado ataque dos. ingleses do brigadeiro Ormond, coa cidade aín­da media destripada e a xente acontecida polo feroz comportamento daqueles salvaxes extranxeiros. Preguntando, chegou ao Grande dos Alfaiates, onde vivía o xudeo referido, e alí mesmo deu, sentado nun pequeno banco de madeira á porta da casa, co cobizado home que buscaba. Observouno ben antes de dirixirlle a palabra e achou que era o xudeo Xacobe persoa miúda e de poucas carnes, case que amarelo de cor, pequeno, calvo e desdentado. Preguntoulle despois Frei Heitor pola súa gracia e non tivo resposta. Descabalgou entón para achegarse a el e ver de iniciar conversa, pero pese á arte e á paciencia con que procedeu, non conseguiu facerlle abrir a boca para nada. Insistiu un pouco máis, sen traspasar en ningún intre os límites da educación e da prudencia, pero o velliño ergueuse con xesto canso, recolleu o banco onde se sentaba e entrou na casa pechando amante e delicado a porta detrás de si. En vista da negativa, pensou Arrais na con­veniencia de cambiar de táctica e acordoumeditar con tempo o camiño a seguir. Buscou, pousada no convento de San Francisco, onde o acolleron con agrado, falou eos frades anima­damente do seu país e da nova ciencia, pero senexplicarlles a razón da súa viaxe, fixo as oracións canónicas do día e retirouse logo a des­cansar. Antes de caer no soño, matinou serenonos pasos que debía dar para conseguir entre­vistarse con Xacobe, e despois quedou durmido. Ao día seguinte, unha vez cumpridas asobrigacións do seu estado e sen perda de tempo,saíu á procura do xudeo, ao que volveu atoparsentado á porta da casa, na mesma actitudetranquila e mansa do día anterior. Foise achegando a el o frade, sen lograr que o mirara, ecando se encontraba a menos de dous metros,ergueuse novamente o vello, colleu o banquiñode madeira e meteuse outra vez dentro. Entónsoubo xa o P. Heitor que Xacobe non falaría con el por moito que o intentara, pero aínda así, como para confírmalo ou probar por últi­ma vez a sorte, andou ata a porta e petou lixeiramente. Como esperaba, non recibiu resposta algunha. Voltou logo o padre portugués para o con­vento e decidiu confiarlle o seu propósito e o amargor do seu fracaso a un frade irmán. Respondeulle este que coñecía ben a Xacobe e que podía estar seguro de que non conseguiría arrincarlle unha soa palabra, pois había xa tempo que andaba escarmentado. Oitenta anos atrás, en Hamburgo, sometérano a tortura por dicir que el non era outro que Cartáfilo, agora bautizado Xacobe, aquel porteiro da casa de Pilatos que arrempuxara a Cristo camiño da rúa para que saíra pronto ao seu suplicio e que quedara por esto condenado a agardar a volta de El Señor ata o fin do mundo. En Londres fora acantazado polo mesmo. En Roma solici­tara ser recibido polo papa dos cristiáns e non gañara senón dúas fortes pancadas no pescozo por parte dun cura grande e lambón que lle chamou impostor e falsario. En París queimárano en 1314 e, anque non morreu, saíu todo chamoscadiño do percance e con tantas dores que por primeira vez na súa vida buscou logo a im­posible morte tirándose ao río. En Pontevedra tivo algúns problemas eos frades de Santo Do­mingo, que o investigaron e lle quixeron facer confesar que era un tramposo e un mentirán, de resultas do cal saíu medio coxo dunha perna. Desde entón, Xacobe enmudeceu para todo o mundo, incluso para os amigos máis achegados, aos que se dirixía soamente por señas. Pese a eso, o cariño dos veciños non sufriu unha miga e contaba co respeto e o mimo de to­dos eles. Por outra parte, o seu comportamento foi sempre exemplar e xeneroso. Cando o es­tropicio dos ingleses, deu mostras de gran valor e sentimentos nobres. No incendio das casas, meteuse entre o lume para salvar cousas, ani­mais e xente, e na ponte do Burgo fixo frente el só a un batallón inglés da Santa Alianza, os sol­dados do cal fuxiron aterrorizados ao ver que despois de ser atravesado por máis de cen espadas que lle entraron por tódalas partes do corpo e despois de ser arcabuceado outras tantas veces, seguía vivo desafiando ao inimigo coa súa simple presencia. Escoitou Freí Heitor o relato do seu compañeiro con certo irónico escepticismo, que este último, alma simple e sinxela, non chegou a ad­vertir. Inquiriu a continuación o visitante se non podería contar coa súa apreciada media­ción para conseguir unha entrevista con Xacobe, e respondeulle o frade galego que non, que prefería non exercer violencia moral sobre un home tan delicado e ao mesmo tempo tan firme como aquel. Pensou entón o portugués de que xeito tería que obrar para descubrir as falsedades daquel refinado farsante e despois de moito discorrer, xa cun proxecto concreto na cabeza, dirixiuse ao chou á procura do que buscaba. Custoulle dar cun desalmado que se prestara ao ruin experimento, pero atopou por fin a un bergallán sen escrúpulos e bastante animal, acertadamente alcumado Bicho polos veciños, e puxo en marcha o seu revirado plan. Aquila mesma noite, o tal Bicho puido en­trar, polo segredo e con arte, na casa do xudeo cando este estaba durmido, achegouse ao zorro á súa cama, apalpou as escuras o breve corpo baixo a manta e cando soubo que o tiña a tiro seguro, empezou a subir e baixar o descomunal coitelo con furia, ata que lle meteo máis de trinta puñaladas. Ao día seguinte foi Freí Heitor ao Grande dos Alfaiates para ver os resultados e non sen sorpresa atopou a Xacobe sentadiño no seu banco, silencioso e triste como sempre, sen sinal exterior de ter sufrido violen­cia. Cando o xudeo presentiu a non querida presencia do frade forasteiro, ergueuse e meteuse novamente dentro da casa. Sen emoción especial algunha, anque con certa curiosidade, voltou Frei Heitor ao convento, fixo correr un par de recados e logo agardou tranquilamente. Aquela noite volveron apuñalar a Xacobe, que ao día seguinte xa estaba outra vez sentado no banquiño. Trataron despois de afogalo con cabezais e con mantas, pero co mesmo terco re­sultado. E outro tanto ocorreu cando lle prenderon lume no xergón mentres durmía, cando lle deixaron caer unha enorme pedra enriba da cabeza desde un cabalo que pasaba, cando lle envenenaron a auga e cando lle meteron un espantoso alacrán negro dentro dun zapato. Invariablemente, cada mañá aparecía o vello sentado no seu sitio, unha miga desmellorado e aínda máis triste, doente e descolorido, con estampa de estar sufrindo de forma sobre­humana. Unha tarde, cismando en calquera cousa mala, pasou polo Grande dos Alfaiates o frade portugués, observou con atención a Xacobe, que se ergueu naquel intre, colleu o banco con grande esforzó e encamiñou os pasos cara á porta. O día estaba claro e notába­se na rúa un gran rebuldicio, moitas voces e berros de ledicia, xogar de nenos e movemento de mercado. Ninguén viu, a non ser Freí Heitor, que dos ollos do velliño babeaban un par de bágoas redondas correndo despaciosas e lentas polas enrugadas meixelas abaixo. Había xa tres longas noites que Xacobe lle viña pedindo a Deus unha morte reparadora, tan canso estaba xa de padecer e de sufrir. Apareceulle por fin Cristo crucificado para dicirlle que comprendía a súa desesperación, soamente xustificable pola enormidade daquel vello peca­do cometido, pero que desgraciadamente para el e para moitos que o querían, a morte non lle chegaría ata o día do Xuízo Final. Aceptou Xacobe resignado a divina vontade, pero quixo mostrar os centos de cicatrices que ao longo dos séculos lle foran castigando cada pulgada da peí do seu corpo, facendo especial insisten­cia nas derradeiras. Apiadouse entón El Señor diante de tantos e tan longos sufrimentos e tremendo de indignación e de cólera díxolle que aquela mesma noite ía precipitar por fin os astros sobre a Terra e que deste xeito recibirían castigo tódolos culpables ao paso que remataba dunha vez para sempre aquel o seu terrible padecer. Cando ao día seguinte, camiño xa de Portu­gal, pasou Freí Heitor Joaquim Arrais derrota­do polo Grande dos Alfaiates, ignoraba aínda que se os seus duros ollos podían contemplar a fermosura transparente do aire da limpa mañá que se estreaba, debíallo á paciencia e á bondade daquel velliño pequeño e seco que xusto naquel intre se estaba erguendo para entrar na casa co seu banquiño na man.

Tirado do libro OS ESCUROS SOÑOS DE CLIO

Máis fermosas imaxes da nosa Biblia Kennicott




O xudeu errante, en Compostela. De Álvaro Cunqueiro

De Álvaro Cunqueiro
Publicado en GALIZA-ISRAEL

Non me estrañou ler en erudita nota que o astrólogo Guido Bonnatti asegura que o Xudeu Errante -Ahasvero, Catófilo ou Buttadeo, que tal é o seu aderezo onomástico- visitara Compostela como peregrino no ano de 1267. Hai un verso que vén en Mistral, pero que me cheira a xentileza de barqueiro provenzal, que di que “baixo a ponte de Aviñón todo o mundo pasou”. Compostela, das súas abertas portas, igual podía dicir. Por que non ía vir a Compostela unha parte tan esencial e significativa da humanidade pecadora coma o Xudeu Errante? Se é verdade o que Ernesto Helio -ese gran escritor sobre o que foi derramado o escuro licor do esquecemento- asegura, que onde o Xudeu Errante pasou a noite fica setenta veces sete anos o doloroso amargor da súa sombra, non andará aínda, vagabunda, pola enorme pedra compostelá, fría “como unha espada mergullada en negra auga”, a sombra alongada de Cartófilo? E digo alongada porque Boemehe, un cóengo de Bruxas, paseando a beira daquelas canles por onde tamén o noso Luís Vives paseou, cantando, ao que era moi afecto, con aquela voceciña desagradable que tiña; digo que paseando o cóengo viu pasar a Ahasvero, e a súa sombra, sobre as mangas augas da amarela canle, alongábase extrañadamente, vermella e movediza. Recentemente non hai noticias de que fora visto. Viuno Werner en Roma? É posible. Cóntase que pousou a súa man sobre un libro que Werner lía, e como brasa, aquela man pecadora, queimouno. Werner conservou, ate os seus últimos días de Salzburgo, o libro sinalado. (Sempre me gustou imaxinar a Werner, e a frei Vernero, no convento franciscano de Salzburgo, onde medran as roseiras do milagre e o reiseñor aniña nas maceiras. Non hai un momento en Werner, como no pobre Enrique von Kleist, no que sobre a súa sombra aterrada e fuxitiva se pousa a sombra terrible de Bottadev?)... Cóntase que Napoleón topouno en Soissons cando os Cen Días, pero parece contradicilo o testemuño de Dumas pai, neno. Relátao Lenotre. Chegou a Soissons a carruaxe imperial e Dumas, curioso, atendía na posta ao cambio de tiro. O Emperador descorreu a cortiniña e preguntou:
-Onde estamos?
-En Soissons, sire.
-A cantas leguas de París?
-A quince, sire.
-A cantas deLyon?
-A oito, sire.
E cambiando o tiro, seguiu a viaxe. Unhas semanas máis tarde Napoleón regresaba a París, e en Soissons, tamén ante Dumas neno, fixo as mesmas preguntas. Entre viaxe e viaxe, Waterloo. Viu a batalla Fabrizio do Dongo, unha personaxe de Stendhal. Pero en Soissons, Napoleón non falou con Ahasvero.
Ía agochado no fondo da carruaxe, contando os Cen Días coma cen pérolas vermellas, derramadas desde as súas mans sobre o eterno campo das batallas... Finalmente, Raissa Maritain conta que León Bloy recibiu unha carta na que se lle aseguraba que tal día de tal mes de tal ano, o Xudeu Errante estaría en Lyon, nunha ponte sobre o Ródano. Bloy viña de publicar “A salvación polos xudeus”, e tomou a carta como misteriosa sinal. Pero, o esmoleiro ingrato non tiña diñeiro para ir a Lyon.
Gustaríame preguntar ás compostelás pedras se as acariñou a sombra xigantesca e sen par do Xudeu Errante. Cal queimou o libro de Werner, non deixaría nalgunha pedra de Santiago o sinal do lume irremisible? Desde agora que sei que Ahasvero estivo peregrino en Compostela, sempre que vaia á cidade, terei abertos os ollos, e espreitarei máis aló de onde a luz se humílla na sombra, por se unha sombra máis
profunda arde, fuxitiva, nun recuncho.

martes, agosto 07, 2007

A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) demanda a volta a Galicia da Biblia Kennicott.



Nunca debeu marchar. Súmome a petición da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) para a súa volta.

jueves, agosto 02, 2007

A presenza xudea en Allariz

A PRESENZA XUDÍA EN ALLARIZ
Antonio Blanco Rodríguez
A historiografía xudaico-alaricana amósase parca en datos. Dificultade que xa atoparon Cid Rumbao e José Puga, principais estudosos do tema. O arquivo da parroquia de S. Esteban, fundamental neste caso, foi vítima do lume no s. XVII. O mesmo lle aconteceu máis recentemente ao do Concello, se ben este xa comezara a desmantelarse con anterioridade. Por ende a presen-
te aproximación á presenza xudía en Allariz ten un carácter fundamentalmente compilatorio.


1.-Orixe do asentamento xudeu:
No Foro de Allariz, outorgado por Afonso VII á Vila en 1.157 e que regulamenta minuciosamente as relacións de convivencia, non se fai a máis mínima alusión
á presenza xudía. A primeira referencia documental topámola en 1.186, data na que o Xudeu Maior merca ao Concello un pedazo de terreo con destino a cemiterio. Esta transación foi posible en virtude da doazón feita en 1.181 polo
Rei Femando II ao Concello das súas propiedades na Vila e no termo xurisdicional. Este primetro asentamento ubicábase nos suburbios da Parroquia de S. Pedro, entre Torre Lombarda e a Porta de Vilanova, dentro da
muralla e delimitado pola Rúa de S.Lázaro, en lugar de notable desnivel, no que aínda perdura o topónimo Barranquiño. Entre a muralla e o río extendíase o Campo dos Coiros, hoxe Portovello- cunha incipiente actividade de curtición ligada á presenza xudía que perdurará na evolución socioeconómica daVila.


2.-O período álxido: s. XIII e s.XIV:
Se ben a lexislación -a primeira lei de apartamento ditara Sisebuto no 3ª Concilio de Toledo- establecía a obrigada segregación de comunidades étnicas e relixiosas, todo parece indicar que a práctica cotiá obviaba ou cando menos difuminaba este rigorismo. Nembargantes puntualmente deberon producirse numerosos conflitos e enfrontamentos como se tira das sucesivas cartas
de avenencia e conciliación entre ambas comunidades. A primeira delas data de 1.249: "Sepan cuantos vieren esta página para siempre valedera que los que habitan en el atrio, por sí y por su parte y los que habitan enVilanova y en S.Pedro por sí y por su parte, hacen en, firme el siguiente pacto de amistad..."
Intento evidente de achegamento entre os cristiáns que habitan nas imnediacións do adro de S.Pedro e os xudeus dos suburbios da mesma parroquia e de Vilanova. Chama a atención a masiva concentración de institu
cións destinadas a grupos marxinais ou de presenza cercana non desexable
(leprosario de S. Lázaro, Hospital de peregrinos do Seixón e Hospital do Conde na rúa do mesmo nome, Albergue de S.Pedro...) durante estes séculos nas inmediacións da Parroquia de S.Pedro. A Vila xurdira e medrara en rúas paralelas ao castelo xusto no outro extremo, sendo aínda hoxe perceptible unha maior densidade de edificación na zona leste, preto do castelo, que na oeste, preto de S.Pedro. O 20 de maio de 1.289 asínase o principal documento en relación coa comunidade xudía: a Carta de avenencia que debe regular de
mutuo acordo a convivencia entre etnias. Non é o caso de entrar aquí
na clásica controversia deAmérico Castro e Sánchez Albornoz sobre a
convivencia e colaboración entre as tres culturas, incluidos os mouros ou mouriscos. O certo é que o pacto asínase en pé de igualdade, baixo a autoridade real representada por Pero Eanes, meiriño da Vila. Na orde relixiosa acórdase separar as celebracións públicas sen presenza dos uns nas doutros. Tamén se acorda que os cristiáns non morarán na xudería e viceversa. O Xudeu Maior, Isaac Ismael, deberá entregar en prenda "a casa do burgo polos danos que seus
xudeus hi feçeren..." O que pon de manifesto que os xudeus tiñan
propiedades no barrio criastián e incluso no novo barrio de O Couto onde se está a construir o Convento de Sta.Clara ao que na mesma carta establece o compromiso de doar en herdade "a orta que hi ten....por que as Donas do
Mosteiro podan.... façer seu cimeterio". O documento sinala claramente a ubicación da sinagoga e cemiterio: no Subcastelo, en solar cedido polo Concello en 1.186. Asemade faise unha primeira referencia ao barrio de O Couto, confirmado posteriormente por Carta puebla de Sancho IV de 1.293 e
que, co tempo, rematadas as obras, será ocupado polos xudeus.
Así poís, semella comprobado documentalmente que a finais do s.XIII os xudeus habitaban no barrio de S.Pedro e Vilanova e tiñan cemiterio e sinagoga no Subcastelo. Nin a carta de 1.249 nin a de 1.289 deberon eliminar os conflitos étnico-relixiosos na súa totalidade. A Festa do Corpus fora instituida por bula de Urbano IV en 1.272 e a súa procesión ordenada por
Xoán XXII en 1.316. Pola súa banda, a Cofradía do Corpus Deus estableceu
se en Allariz na Parroquia de S.Pedro e perdurou ate 1.875. No primeiro ano de celebración da procesión xa se produciron conflitos entre xudeus e cristiáns.
Neste contexto deben situarse os acontecementos de 1.317 con Xoán de Arzúa como protagonista. Subido a un boi guiado polos seus criados, a golpes de fariña e formigas bravas, vai escorrentar aos xudeus cara ao seu barrio.
Sentiuse tan orgulloso da súa fazaña que decidiu crear unha Fundación co seu nome e capital para perpetuar a súa memoria, o que aínda hoxe se fai anual e
puntualmente. Malia á Pragmática de Carlos III,en Allariz antívose a tradición, entre outras razóns pola Carta outorgada polo mesmo Rei en 1.766, posiblemente a petición do Concello, que sanciona a costume e permite a súa celebración. Nin a Picouta dos Xudeus, no Eirado de S.Pedro, debeu cumprir o efecto disuasorio agardado. En 1.319 trasladouse ao Outeiro da Forca -eufemísticamente rebautizado como O Xardin- e dalí, a finais do s.XV, ao Outeiro da Godalla. O topónimo orixinal mantense na Praza do Eiró, no que foi adro de S.Pedro.


3.-Decadencia e extinción:
Durante o conflito sucesorio mantido entre Henrique de Trastámara e Pedro I a presenza xudía en Allariz era aínda de notable entidade. Este último nomea a Fernando de Castro administrador dos reinos de Galicia, León e Asturias, quen mediante Carta outorgada de 5 de maio de 1.366 declara en Allariz unha especie de amnistía xeral, tanto a xudeus como a cristiáns: "... por cualesquier maleficios que cualesquiera de ellos hayan hecho o se hayan guardado de hacer en cualquiera manera, tanto judíos como cristianos...".
As décadas finais do s. XIV e o decorrer do s. XV significan un
camiño de decadencia cara a extinción numerosa da colonia xudía. Sen
dúbida os sanguentos acontecementos que no conxunto dos reinos se viven a partir de 1.391 deixaron tamén a súa pegada en Allariz. A colonia xudía trasládase, agora xa extramuros, ao Subcastelo e O Couto onde remataran as obras do Convento. A Lei de apartamento das Cortes de Toledo de 1.480 sentará principios xurídicos aínda máis rigurosos. Con todo enAllariz, seguindo a
tradición, se non se ignoran, sí que se interpretan moito máis benignamente.
A altura de 1.487 o párroco de S.Esteban manda Carta de aforamen
to en beneficio dos xudeus para que ampliaran o seu cemiterio.
Igualmente significativo resulta o caso de Mosé Peres, xudeu recadador de alcabalas reais en Ourense que, ao ser requerido para que se apartara á Rúa Nova desta cidade, manifesta que el era veciño de Allariz, o que sen dúbida amosa unha maior tolerancia aínda nestas datas na Vila que na capital. No mesmo senso semella aclaratoria a referencia a Juan Alfonso Carpintero, dirixente da revolta irmandiña en Allariz, que en 1.467 convoca unha fronte común de cristiáns e xudeus contra os cabaleiros do reino. A nova situación político-social de finais de século remata coa Pragmática de expulsión ditada polos Reis Católicos en Granada en 1.492. En Allariz os efectos da mesma deberon ser mínimos por canto a comunidade xudía xa se integrara por conversión masiva ou abandonaran os menos a Vila sen maiores problemas. A primeira consecuencia desta extinción "oficial" foi a remoción do "fossar" ou cemiterio xudeu do Campo da Mina practicada en 1.500,onde "...aparecieron cadáveres sentados en sus sepulcros en forma de silla con hebraicos caracteres en larga cartela funeraria". Posiblemente polas mesmas datas desmantelouse tamén a sinagoga.


4.-Pervivencia da tradición xudía:
A presencia da tradición xudía en Allariz, aínda que máis difusa,manterase ao longo dos séculos seguintes. Ao desmantelamento de cemiterio e sinagoga seguíulles a desafectación por parte do Concello. É máis que probable, como afirma Cid Rumbao, que as pedras correran cara abaixo, é dicir, cara ao río e
se empregaran na reconstrucción da ponte de Vilanova (1.559-1.600) ou no encoro e muiño da Puchina nas imnediacións do recinto de Vilanova que os cabaleiros da Orde de Malta rexentaron. No s. XVII o párroco de S.Esteban, Juan Antonio Conde, decidiu queimar o arquivo ante as continuas disputas entre cristiáns novos (conversos) e vellos. Neste mesmo século, co fin de desvirtuar a conciencia xudía, construiuse un Calvario no camiño que unía Vilanova co "fossar" ou cemiterio xudeu. Mauro Rivera, secretario do Concello en 1.740, deixounos a primeira descrición do Subcastelo: "secano, de inferior calidad, cabida tres fanegas, que sirve de pasto al común. Linda E.muralla de
la Villa; O., Castillo de ella; N., rio Arnoya y S. dicha muralla". De semellante xeito figura no Catastro de Ensenada de 1.749. Precisións análogas fará Juan
Manual Mascareñas, informante de Pascual Madoz en 1.836 para o seu Dicionario Histórico Geográfico de España: "El Campo de la Mina (cemiterio) es un sitio al ENE- y a cien pasos de la puerta principal de la Iglesia de S.Esteban en donde se enterraban los hebreos que subsistieron
en la Villa hasta el s.XVI". Ate 1.840 a Vila contou con cemiterios no adro de cada parroquia. Nesta data construiuse o cemiterio cristián de Vilanova, para o que se utilizou pedra da ala N. da muralla e a que quedaba da sinagoga e fossar. Curiosamente os documentos desta época ao referirse a este cemiterio utilizan o termo "fosario", o que avala unha influencia mutua das dúas culturas.
Desaparecidas as pegadas materiais, mantivéronse por séculos as actividades económicas, en mans dos agora conversos do barrio de S.Esteban, vencelladas ao curtido, "piliteiros", zapateiros, tecedores ou oficios menestrais xunto a pro-
fesións liberais. A tradición dos amendoados, gardada polas monxas do conven
to, ten relación coa colonia xudía. Un párroco de Santiago, en abril de 1.830, a vista de que as disposicións de Carlos III non surtían efecto sobre os disciplinantes, comentaba: "Reminiscencias mal extinguidas de la superstición judaica que labró la perfidia hebrea en el Sinaí". Son moitas as testemuñas directas que José Puga aínda tivo ocasión de recoller e que confirma a vixen
cia da tradición xudía no s. XIX e comezos do s.XX. Aos de S.Pedro seguíaselles a chamar "rifeños" pola súa actitude de provocación permanente. De igual xeito aos de S.Esteban se lles coñecía como "os da sinagoga", sendo frecuente o insulto de "touciños" ou "marráns", pois comían en público carne de porco para demostrar a verdade da súa conversión. Tamén na procesión de Semana Santa a figura do Nazareno ía custodiada por dous saións vestidos de romanos: o xudeu da corneta, que a máis de este instrumento levaba na outra man a soga de Cristo e o xudeu da tralla que portaba unha especie de látego. Se chamarlle a alguén "xudeu" xa era un insulto, este multiplicábase se a fórmula utilizada era "xudeu da corneta". En 1.910 produciuse un apedreamento contra estes xudeus da procesión que deu pé ó conseguinte xuizo, sen que ficara claro se as pedras tiñan como destinatarios aos xudeus ou aos seus portadores. De todo isto, o principal documento que pervive na actualidade constitúe o Festa do Boi de Corpus que a Fundación con nome de Xan de Arzúa debe preocuparse non só por conservar senón tamén por investigar e autentificar.


Fontes bibliográficas:

AMADOR DE LOS RIOS, José:
"Historia de los judíos en España y Portugal" Madrid, 1984.
BARROS, Carlos: "O outro admitido. A tolerancia cara os xudeus na
idade media galega". Universidade de Santiago.
CASTRO, Américo: "España en su historia. Cristianos, moros y judíos". Barcelona, l983.
CID RUMBAO, Alfredo: "Historia de Allariz". Ourense, 1984.
LOPEZ CARREIRA, Anselmo: "Os xudeus de Ourense no s.XV". Ourense, 1983.
MONSALVO ANTON, J.M.: "Teoría y evolución de un conflicto social. El antisemitismo en la Corona de Castilla en la Baja Edad Media". Madrid, 1985.
PUGA BRAU, José : "Os xudeus de Allariz". Ourense, 1996.
SÁNCHEZ ALBORNOZ, Glaudis: "España, un enigma histórico". Barcelona, 1985.