Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

domingo, mayo 29, 2011

Parabéns ao Centro de Estudios Medievais de Ribadavia


O Centro de Estudos Medievais de Ribadavia recibe o prestixioso premio israelí

O vindeiro 30 de outubro é a data de entrega en na capital israelí do premio anual en memoria de Samuel Toledano, un dos máis significados líderes da comunidade xudía española ademais dun destacado artífice da súa renovación. Un prestixioso recoñecemento que este ano ten un marcado acento galego ao recibir o Centro de Estudos Medievais (CEM) de Ribadavia o galardón na modalidade de Premio de Recoñecemento. A súa concesión foi comunicada ao responsábel do centro ribadaviense, José Luís Chao, directamente por Yitzak Navón, quen foi o quinto presidente do Estado de Israel e tamén presidente do xurado do certame, un dos máis importantes e prestixiosos de Israel. A decisión de entregarllo este ano ao CEM tomouse por unanimidade dos membros do xurado e en base ao labor desenvolvido polo centro ribadaviense durante os seus vinte e dous anos de historia no que se refire á investigación e divulgación da cultura sefardí, Unha dedicación sobre a que o xurado estaba plenamente informado, motivo ademais polo cal o quinto presidente do Estado de Israel manifestou a súa felicitación expresa e o agradecemento do pobo israelí. Yitzak Navón mostrou ademais ao presidente do Centro de Estudos Medievais o seu desexo de visitar a capital do Ribeiro. O premio seralle entregado á xunta directiva do CEM o 30 de outubro nun acto solemene que se celebrará no Centro de Investigación e Ensino do Patrimonio Sefardí, Misgav Yerushalayim na cidade de Jerusalén.

miércoles, mayo 11, 2011

Unha rúa de Monforte foi a primeira en España en levar o nome de Raoul Wallenberg



Monforte de Lemos foi a primeira cidade de España que deu a unha das súas rúas o nome do chamado Schindler Sueco, de Raoul Wallenberg. Por primeira vez na historia de España unha rúa levou o nome de Raoul Wallenberg, o diplomático sueco que salvou a decenas de miles de xudeus e outros perseguidos polo nazismo. Wallenberg desapareceu en xaneiro de 1945 logo de ser detido polo exército soviético. O 31 de xaneiro de 2003 o pleno do Concello de Monforte de Lemos, acordou por unanimidade outorgarlle a unha rúa do municipio o nome de "Rúa de Raoul Wallenberg". A Rúa Wallenberg está no centro da cidade, na zona Monumental, unha das que forman a antiga xudería monfortina. Os impulsores desta iniciativa foron o Alcalde de Monforte de Lemos, Nazario Pin Fernández e o historiador monfortino Felipe Aira Pardo, a partir dunha idea da Fundación Internacional Raoul Wallenberg, unha ONG mundial fundada por Baruj Tenembaum. En agosto de 2002 Tenembaum anticipoulle a novidade ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, nunha reunión levada a cabo en Nova York. A proposta foi celebrada polo propio Presidente da Xunta de Galicia daquela, Manuel Fraga Iribarne, quen en carta dirixida a Tenembaum, expresou a súa satisfacción polo feito de que sexa unha rúa de Galicia a primeira en España en levar o nome de Wallenberg. O pasado xudeu de Monforte foi moi intenso como consigna Felipe Aira na súa historia "Monforte e a comunidade hebrea e de conversos", investigación realizada por encargo do Concello. Na obra destácase un documento do ano 915, pertencente ao mosteiro benedictino de S. Vicente onde faise referencia á presenza xudía na comunidade. Tamén, relátase a historia dos poderosos Condes de Lemos, quen no século XIV contaban cos servizos de xudeus en postos importantes da burocracia estatal. "Dacordo á documentación histórica achegada, sábese que en 1334 o feudal de Monforte tiña como tesoureiro a Don Samuel, un gran amigo hebreo do poderoso nobre. Ademais, o irmán de Don Samuel, Cagaben Bo, era almojarife do mesmo Don Pedro por estes anos. O fillo deste nobre, Fernán Ruíz de Castro, fidel á política prol-xudía do seu soberano Pedro I, chamado "O Cruel", tivo gran amizade coa comunidade hebrea e contratou a destacados xudeus dentro do organigrama da casa condal de Lemos cuxa capitalidade era Monforte", sinala a investigación de Felipe Aira. Os 17 de xaneiro a Fundación Internacional Raoul Wallenberg recorda o aniversario da desaparición de Raoul Wallenberg, o diplomático sueco salvador de miles de xudeus e outros perseguidos polo nazismo durante o Holocausto cuxa figura, así como a de moitos outros salvadores da humanidade, inspira a misión educativa da citada Fundación baseada nos valores de solidariedade e coraxe cívica. Lembrar que foi un home Raoul Wallenberg que foi un heroe sen armas. Só dispuña da súa inmunidade diplomática, que pouco valía ante a impiedade do nazismo. Non posuía ningún instrumento de loita fóra da palabra. A súa imaxinación substituíu á forza e a súa destreza intelectual, ao fusil. Enfrontou todos os perigos coa valentía dun heroe de saga escandinava, aínda que sen espada. Nunha fazaña inigualable durante o Holocausto, logrou, directa e indirectamente, salvar a vida de 100.000 persoas. O 17 de xaneiro de 1945 as tropas soviéticas, que acababan de liberar Budapest, arrestárono e o seu paradoiro descoñécese ate o día de hoxe. Desapareceu para non volver ser visto nunca máis no fondo dos Gulags.