
GALICIA HOXE 24.08.2008
O sete de setembro, a Asemblea Universal Sefardí ‘Isaac Siboni’ renderá homenaxe a tres mulleres de Ribadavia –Lola, Xulia e Amparo Touza Domínguez– por axudar a varios xudeus a fuxiren dos nazis a Portugal durante a II Guerra Mundial. A xesta heroica destas tres mulleres foi relatada especialmente polo falecido Antón Patiño Regueiro, que no seu libro ‘Memoria e ferro’ relatou o funcionamento desta rede clandestina, todo un reto á ditadura e os seus aliados nazis en plena época do terror
ROSA VEIGA
A súa "absoluta xenerosidade" é o que evoca Julio Touza cando recorda a súa avoa Lola e as súas tías Xulia e Amparo Touza Domínguez, as tres irmás de Ribadavia que serán homenaxeadas pola Rede Sefardí de España o 7 de setembro por axudar a varios xudeus, a fuxir dos nazis a Portugal, durante a II Guerra Mundial.
Touza viviu coas tres mulleres ata 1967 e repasou algúns recordos da súa infancia e detalles do que investigou sobre o labor das súas tías-avoas, como os agochos que utilizaban baixo o chan da cantina que rexentaban.
A rede de salvación de xudeus cara a Portugal, dixo, "debeu funcionar entre os anos 1943 e 1946, os anos máis duros da Segunda Guerra Mundial e na que a Alemaña nazi de Hitler decidiu exterminar os hebreos de Europa". Desde Portugal, a fuxida seguiría cara a América ou a portos de Marrocos e Alxeria, aínda que moitos hebreos quedaron alí.
Aínda que nunca lle falaron directamente ao seu neto do "que facía" para axudar os xudeus, el recorda retallos das conversacións que mantiñan entre elas, "sempre en galego" e que entón non alcanzaba a entender sobre a súa altruísta actividade.
Claro que todo isto ocorreu moito despois, "tras o peche do casino nos anos 50", no dormitorio onde vivían, unha sala de cen metros cadrados e na que habitualmente facían, "en voz alta un repaso do día, contaban anécdotas e recordaban feitos pasados".
Unha noite, cando Xulio tiña 7 anos, as irmás empezaron a falar e referíronse a Patiño e "logo de dicir que lles veu falar dun grupo de xudeus, calaron", pero "a min impactoume e quedóulleme gravada", agregou.
Antón Patiño Regueiro foi un libreiro e escritor de Monforte de Lemos, quen posteriormente reuniu no libro Memoria de ferro -publicado en 2005, pouco antes da súa morte- relatos sobre a represión franquista no que figuran catro páxinas dedicadas ás irmás de Ribadavia e a outros tres membros da súa rede clandestina.
Touza, que viviu coas mulleres ata que morreu a súa avoa Lola en xuño de 1966, investigou pola súa conta e contactou nos anos 70 con persoas que coñeceron a Patiño en Santiago de Compostela e que achegaron os datos "suficientes para descubrir a absoluta xenerosidade das miñas tías", subliñou.
Nese sentido, dixo que na Guerra Civil, as tres foron apresadas en varias ocasións por lles daren comida e bebida aos presos do cárcere situado no actual Concello de Ribadavia enfronte "de onde elas vivían e tiñan o casino", agregou.