Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

viernes, abril 23, 2010

Ribadavia comercializará en América viños “Kosher' do Ribeiro

Anxo Collarte e Antón Míguez, durante a presentación do seminario


A presidencia na Red de Juderías de España, que ocupa nestes momentos o Concello de Ribadavia, aposta decididamente por introducir os viños Kosher na bisbarra do Ribeiro. O concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, e o técnico municipal, Antón Míguez Amil, presentaron onte o seminario 'Viños Kosher', que se celebrará o próximo 22 de abril, no centro comarcal, e que ten por obxectivo suscitar o interese entre produtores, enólogos e restauradores, ademais doutros profesionais, pola elaboración deste viño. Os impulsores da iniciativa insistiron na gran aceptación que ten a nivel internacional, especialmente en Estados Unidos, Israel, Francia, Inglaterra e Rusia. A demanda dos viños 'Kosher' débese, segundo apuntou Antón Míguez, á garantía que para os consumidores implica que sexan certificados por un rabino. 'Son viños normais pero supervisados por un rabino dende a recollida dá uva, pasando pola elaboración e tamén polo envasado'. Esta vixilancia, matizaba o técnico, 'non deixa espazo para prácticas enolóxicas non recomendables, por iso son viños moi puros'. Entre as esixencias máis curiosas que figuran para a certificación está a de realizar a vendima con luvas. Respecto diso, consideran que os caldos do Ribeiro teñen todas as características para seren 'Kosher' e introducirse en novos mercados, ao mesmo tempo, que van máis aló, estendendo os contactos con empresas españolas que xa o comercializan e que poden estar interesadas en incorporar a produción desta comarca nas súas ofertas. Por outra banda, Anxo Collarte anunciou que na asemblea da Red de Juderías, que se celebrará en setembro en Ribadavia, abordarase a incorporación de novas cidades ás 21 que actualmente a conforman. Así mesmo, está previsto contactar con posibles socios portugueses para promover conxuntamente un plan europeo de Interreg, ao mesmo tempo que se apoiará a creación nese país da súa propia rede de xudarías. No que respecta a Galicia, Míguez considera que cidades como Ourense, ademais de Allariz e Baiona reúnen os requisitos para promocionar os seus antigos barrios xudeus.

No hay comentarios: