Publicado en GALIZA-ISRAEL
Non me estrañou ler en erudita nota que o astrólogo Guido Bonnatti asegura que o Xudeu Errante -Ahasvero, Catófilo ou Buttadeo, que tal é o seu aderezo onomástico- visitara Compostela como peregrino no ano de 1267. Hai un verso que vén en Mistral, pero que me cheira a xentileza de barqueiro provenzal, que di que “baixo a ponte de Aviñón todo o mundo pasou”. Compostela, das súas abertas portas, igual podía dicir. Por que non ía vir a Compostela unha parte tan esencial e significativa da humanidade pecadora coma o Xudeu Errante? Se é verdade o que Ernesto Helio -ese gran escritor sobre o que foi derramado o escuro licor do esquecemento- asegura, que onde o Xudeu Errante pasou a noite fica setenta veces sete anos o doloroso amargor da súa sombra, non andará aínda, vagabunda, pola enorme pedra compostelá, fría “como unha espada mergullada en negra auga”, a sombra alongada de Cartófilo? E digo alongada porque Boemehe, un cóengo de Bruxas, paseando a beira daquelas canles por onde tamén o noso Luís Vives paseou, cantando, ao que era moi afecto, con aquela voceciña desagradable que tiña; digo que paseando o cóengo viu pasar a Ahasvero, e a súa sombra, sobre as mangas augas da amarela canle, alongábase extrañadamente, vermella e movediza. Recentemente non hai noticias de que fora visto. Viuno Werner en Roma? É posible. Cóntase que pousou a súa man sobre un libro que Werner lía, e como brasa, aquela man pecadora, queimouno. Werner conservou, ate os seus últimos días de Salzburgo, o libro sinalado. (Sempre me gustou imaxinar a Werner, e a frei Vernero, no convento franciscano de Salzburgo, onde medran as roseiras do milagre e o reiseñor aniña nas maceiras. Non hai un momento en Werner, como no pobre Enrique von Kleist, no que sobre a súa sombra aterrada e fuxitiva se pousa a sombra terrible de Bottadev?)... Cóntase que Napoleón topouno en Soissons cando os Cen Días, pero parece contradicilo o testemuño de Dumas pai, neno. Relátao Lenotre. Chegou a Soissons a carruaxe imperial e Dumas, curioso, atendía na posta ao cambio de tiro. O Emperador descorreu a cortiniña e preguntou:
-Onde estamos?
-En Soissons, sire.
-A cantas leguas de París?
-A quince, sire.
-A cantas deLyon?
-A oito, sire.
E cambiando o tiro, seguiu a viaxe. Unhas semanas máis tarde Napoleón regresaba a París, e en Soissons, tamén ante Dumas neno, fixo as mesmas preguntas. Entre viaxe e viaxe, Waterloo. Viu a batalla Fabrizio do Dongo, unha personaxe de Stendhal. Pero en Soissons, Napoleón non falou con Ahasvero.
Ía agochado no fondo da carruaxe, contando os Cen Días coma cen pérolas vermellas, derramadas desde as súas mans sobre o eterno campo das batallas... Finalmente, Raissa Maritain conta que León Bloy recibiu unha carta na que se lle aseguraba que tal día de tal mes de tal ano, o Xudeu Errante estaría en Lyon, nunha ponte sobre o Ródano. Bloy viña de publicar “A salvación polos xudeus”, e tomou a carta como misteriosa sinal. Pero, o esmoleiro ingrato non tiña diñeiro para ir a Lyon.
Gustaríame preguntar ás compostelás pedras se as acariñou a sombra xigantesca e sen par do Xudeu Errante. Cal queimou o libro de Werner, non deixaría nalgunha pedra de Santiago o sinal do lume irremisible? Desde agora que sei que Ahasvero estivo peregrino en Compostela, sempre que vaia á cidade, terei abertos os ollos, e espreitarei máis aló de onde a luz se humílla na sombra, por se unha sombra máis profunda arde, fuxitiva, nun recuncho.
No hay comentarios:
Publicar un comentario