Persoeiros ourensáns de renome e as relacións entre Israel e Europa centran a oferta dos cursos de verán das Lagoas
Impartiranse nas vilas de Celanova e Ribadavia
Unha vez pasado o nerviosismo e cansazo que supón a época de exames, as vilas de Celanova e Ribadavia acollerán os cursos de Extensión Universitaria previstos para o vindeiro mes de xullo no campus de Ourense. Galegos de Ourense. Igrexa, intelectualidade e política e Israel e Europa son os títulos destes cursos, ambos cunha duración de tres días. O primeiro deles terá lugar do 5 ao 7 de xullo no salón de actos do Mosteiro de Celanova. Dirixido polos profesores da Facultade de Historia das Lagoas, Jesús de Juana e Julio Prada, o curso ten por obxectivo achegar aos alumnos da Universidade e ao público ourensán e galego en xeral, o pensamento e a obra dalgúns dos máis destacados persoeiros, cregos e intelectuais ourensáns dos últimos dous séculos, que tiveron unha importante proxección máis alá desta provincia. Arturo Vázquez Núñez, o deán Juan Manuel Bedoya, Jesús Ferro Couselo, Pepe Velo, Celso Emilio Ferreiro, Alexandre Bóveda, Jose Calvo Sotelo e o cardenal Quiroga Palacios serán as personalidades a analizar por diversos estudosos e especialistas do mundo da documentación e a historia. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 28 de xuño, cun custe de 45 euros para os membros da comunidade universitaria. Asemade, haberá transporte gratuíto para chegar a Celanova, polo que sairá un autobús desde o Edificio de Facultades ás 9:30 horas. O curso validarase por dous créditos de libre configuración. Cultura hebraica A sede da Fundación Comarcal de O Ribeiro será o escenario do curso Israel e Europa, dirixido polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, Luís Domínguez Castro, e que se celebrará do 12 ao 14 de xullo. Comprender as características das relacións entre España e o país de Oriente Medio, singularmente nos últimos vinte anos, é o obxectivo da primeira xornada, onde terán lugar tres relatorios impartidos polo propio director do curso, a ministra conselleira da embaixada de Israel en Madrid, Alona Fisher-Kamn, e o historiador do Centro de Estudios Medievais de Ribadavia, José Ramón Estévez. O primeiro día rematará cunha visita guiada ao barrio xudeu da vila. Na xornada seguinte pretenderase analizar o impacto da cultura hebraica na cultura europea, así como estudar a pegada que deixaron os sefardís en Europa e en España. Para alcanzar estes obxectivos, celebraranse as conferencias do presidente de Federación de Comunidades Xudías de España, Jacobo Israel Garzón, do alcalde de Hervás (Cáceres) e presidente da Rede de Xuderías de España, José Enrique Ribes, e da representante de Radio Exterior de España edición Lingua Sefardí, Matilde Gini de Barbatán. As mesas redondas e un documental en lingua sefardí completarán a segunda xornada do curso. O último día dedicarase a afondar e entender as raíces do conflito de Oriente Medio e a explicar as claves das relacións entre o estado de Israel e a Unión Europea. Para iso contarase coa presenza dos xornalistas Ángela Rodicio e Walter Haubrich e do embaixador adxunto de España ante a Unesco, Miguel Arias Estevez. O 5 de xullo é a data límite para formalizar a matrícula, fixado o prezo en 45 euros para os membros da comunidade universitaria. Como no curso de Celanova, haberá transporte gratuíto para o traslado a Ribadavia, polo que sairá un autobús ás 8:15 horas desde o Edificio de Facultades. Outono Á espera de confirmar o programa dos cursos sobre o documental e sobre a prensa, a celebrar tamén en Celanova no mes de xullo, xa se deron a coñecer os contidos de Extensión Universitaria para o primeiro cuadrimestre do vindeiro ano académico. Entre os meses de setembro e outubro celebraranse en Ourense cinco cursos dirixidos a estudantes de diferentes disciplinas. A auga como recurso natural dinamizar sostible, a plataforma Java 2 Enterprise Edition, o deseño web, o deporte en relación coa empresa e a sociedade e a cata de viño e augardentes son os contidos da oferta extra académica programada xa para o outono. Para descargar os programas e ampliar os datos ofrecidos, visitar a web da vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do campus de Ourense no seu apartado de Extensión Universitaria (premer en Máis información).
No hay comentarios:
Publicar un comentario