En artigos anteriores aludiamos ás lendas familiares que explican apelidos galegos atribuíndolles procedencia exótica. Non fixemos referencia, sen embargo, a outras fantasías populares emparentadas con estas que gozan así mesmo de moita difusión, non só entre nós, senón en toda a Península: as baseadas na falsa consideración de certos apelidos como apelidos xudeus. Unha remitente apelidada Abad comunícanos que na familia ten oído dicir que ese apelido é de orixe xudía. Como ela mesma sospeita, é unha castelanización do galego Abade e non ten ningún fundamento consideralo xudeu. A mesma explicación circula para moitos outros, e tamén sentencias xeneralizadoras que pretenden facer xudeus tódolos apelidos que conteñen nomes de cores, nomes de árbores, de santos, de oficios, topónimos en xeral e mesmo algúns patronímicos moi comúns. Estas explicacións poden ter variadas orixes, apoiadas sempre nun prexuízo xenealoxista que supón erradamente que tódolos individuos que levan o mesmo apelido teñen que ser parentes en grao máis ou menos remoto. Deste xeito, ter noticia dun Pérez xudeu, por exemplo, e en calquera época histórica, pode conducir a pensar que tódalas persoas así apelidadas han de selo. Non hai dúbida de que noutras áreas peninsulares pode atribuírse, sempre en ámbitos locais, ascendencia xudía a tal ou cal familia e, xa que logo, ó apelido correspondente. Non obstante, non pode estenderse esa atribución ó mesmo apelido en localizacións xeográficas distintas. Porque, agás tal vez uns poucos patronímicos concretos derivados dun nome de orixe hebraica (Salomón, Leví e algúns outros), non se pode establecer unha relación directa entre un apelido e unha suposta orixe xudía. Nunha ollada ós padróns dos xudeus ourensáns a finais do século XV, pouco antes da expulsión (poden verse en A vida e a fala dos devanceiros, de Ferro Couselo, ou en obras máis recentes de Anselmo López Carreira) podemos inferir que o que caracteriza onomasticamente os xudeus non son os apelidos (pois levan en xeral apelidos idénticos ós dos non xudeus: Ares, Bravo, Gómez, López, Rodríguez, Vello...) senón os nomes de pía, entre os que predominan os nomes bíblicos alleos ó santoral cristián (Abrafán, David, Isac, Judá, Jacob, Leví, Mosés, Salomón, etc...). Cómpre ter en conta, ademais, que estes nomes de pía, sendo característicos dos xudeus, non son exclusivos deles. A nosa remitente atopa sorprendente esta lenda da orixe xudía e chama a atención sobre a aparente contradicción que encerra (dada a tradición antisemítica hispana) respecto doutras lendas galegas que pretenden ennobrecer liñaxes atribuíndolles orixes exóticas. En moitos casos estas atribucións de orixe xudía proceden doutras áreas xeográficas e arraigaron aquí polo prexuízo xenealoxista do que falamos. A isto debemos engadir que o antisemitismo nunca tivo presencia acusada entre nós (máis ben ó revés: véxase o que di López Carreira verbo dos xudeus ourensáns do XV) e que, paralelamente, en todo o mundo cristián existía tamén a tradición contraria, que asignaba ó mundo hebraico connotacións de carácter positivo. Lémbrense as antigas lendas que remontaban as liñaxes ilustres a unha ascendencia bíblica, como a que atribuía a Túbal a poboación de Hispania ou a Noé a fundación de Noia. Tamén debemos ter en conta que os galegos estaban libres de sospeita na obsesión de pureza de sangue que caracterizou a España dos Austrias. Considérese, finalmente, que a cualificación de xudeu tamén tivo emprego popular en Galicia, sen significados étnicos ou relixiosos, como sobrenome imposto a individuos ou familias singularizados polo seu carácter marxinal, heterodoxo ou contestatario. Un personaxe de Neira Vilas chamado "o Xudío" recolle o emprego tradicional desta fórmula de alcuña. Despois da expulsión, a finais do XV, os xudeus galegos pasaron maioritariamente a Portugal, e cando os botaron de alí o principal destino foron os Países Baixos. Aínda na actualidade existen apelidos (máis ou menos alterados na súa grafía) entre a comunidade xudía de Amsterdam, de poderosa tradición cultural, que poden corresponder a unha orixe galega. Estas circunstancias, engadidas ó feito de que o apelido toponímico Espinosa ou Espiñosa se rexistra entre os xudeus de Ourense do século XV (véxase a obra de Ferro Couselo mencionada), levou a defender, xa desde o século pasado, a orixe galega do filósofo holándés Baruch de Spinoza."
Gonzalo Navaza é filólogo na Universidade de Vigo
Artigo publicado no semanario A NOSA TERRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario