Un paseo polo Barrio Xudeu da miña Ribadavia

domingo, abril 22, 2007

“Irmandados en casamentos e revoltas”, coma exemplo de tolerancia mutua.


“Irmandados en casamentos e revoltas”, coma exemplo de tolerancia mutua. Crónica do xudaísmo galego
Por Moshé Yanai

En Galicia os xudeus foron máis aceptados que noutras rexións, e xa que logo, a asimilación foi máis extensa. Aínda que non é posible definir o momento da chegada de xudeus a Galicia, xa se teñen topado referencias sobre a súa presenza no século X. Pero é só no século XI que se fai referencia textual á aparición de “hebreos”. Parece ser, empero, que eran casos illados, e que a creación de pequenas comunidades galegas se producen despois de 1343 cando as Cortes reunidas en Alcalá promulgan unha lexislación antixudía, baseándose nas débedas dos cristiáns cos xudeus. Paralelamente, e nun intento de favorecelos, por un ordenamento se lles permite adquirir terras na marxe dereita do río Douro. Foi a Galica que se evidenciou no século XII a chegada en masa de xudeus, que na súa maioría procedían de Castela. En contraste co que acontecía noutras rexións europeas, aquí atoparon un pobo que aceptounos sen discriminacións. Os xudeus responderon ao xesto galego, tomaron parte no seu desenvolvemento comercial e sentiron que tamén eran seus os problemas do País, incluso cando se trataba de defender os Foros galegos coas armas. É tamén notable que ao proclamarse o Edito de Expulsión, foi maior o número de xudeus que optaron por bautizarse, xa que de ningún xeito podían abandonar aquelas terras que foran tan hospitalarias con eles, e ás que consideraban como a súa propia patria. Tal vez por esa circunstancia, pola súa integración na sociedade galega, deixaron menores pegadas físicas que noutras rexións. Pero nos arquivos de Galicia se atopou abondosa documentación, que da fe sobre a ampla intervención dos xudeus na vida social e mercantil das súas cidades máis importantes.
A partir do século XIV as referencias documentais van aumentando progresivamente ate acadar o seu cénit no século XV, non chegando nunca a igualar, en cantidade, a outras partes do país. A distribución xeográfica dos principais núcleos de poboación xudía se realizan en torno a tres grandes áreas: zona norte (A Coruña, Viveiro, Ribadeo e Betanzos), zona sur (Ourense, Monforte de Lemos, Allariz, Celanova, Ribadavia, Tui e Baiona) e zona central, en torno a Santiago de Compostela. A poboación xudía estaba sometida a uns tributos exclusivos denominados "cabezas de peito" e "servizo e medio servizo" que se recadaban mediante o sistema de capitación, é dicir, existía un reparto previo entre os diferentes núcleos de poboación que tiña en conta o volume de cada un deles. En 1442 Xoán II intentou reducir o imposto persoal hebreo fixando o canon persoal en 45 marabedís por cada veciño ou cabeza de familia maior de 20 anos, eximindo do imposto ás mulleres.
Tal vez o punto de maior conflito sexa definir, dacordo coa documentación, o tipo de relacións que se estableceron entre xudeus e cristiáns. Existen numerosas mostras de moi boas relacións entre uns e outros. A documentación nolos presenta compartindo o mesmo espazo urbano e incluso os mesmos negocios. E un notable antisemita chegou incluso a xustificar as partidas de apartamento (reclusión dos xudeus en guetos), porque eran tales as relacións entre cristiáns e xudeus que xa estarían “irmandados en casamentos e revoltas”. Un feito curioso é que nas súas boas relacións chegan a transgredir a legalidade vixente. En Ourense, por exemplo, uns xudeus asisten ao casamento dun cristián e tamén nesta cidade, é necesaria a chegada de novas autoridades para que se cumpra o decreto de apartamento a zonas especiais. O primeiro requirimento ten lugar o 3 de xullo de 1484 e o apartamento definitivo faise o 22 de maio de 1487. Sen embargo se observa como, ao mesmo tempo, as relacións vanse deteriorando ate o punto de que en 1489 os Reis Católicos teñen que facer un seguro a favor dos xudeus pois estes temen que os encarceren ou os maten.
Outra importante manifestación de antisemitismo se produce en Allariz, onde nunha data moi temperá, en 1289, os xudeus e os cristiáns son apartados a barrios separados. Sorprendentemente case 200 anos despois, cando no resto do país os xudeus están sufrindo persecucións, un foro do convento de San Estevo confirma que esta igrexa cede uns terreos próximas a ela para ampliar o cemiterio xudeu: "...e a todos os outros xudeus da xudería, veciños e moradores da vila de Allariz, a herdade detrás da torre Nova... por canto tedes os vosos enterramentos, xa de longotempo, na outra herdade..."Existe, polo tanto, ampla confirmación da considerable participación xudía no ámbito galego. De calquera modo, apelidos de orixe xudeu ostentaron importantes familias que tiveron unha gran participación na súa historia. Considérase por exemplo que serían os Vázquez de Ourense, os escribáns Henrique Ismael e Afonso Henríquez, os Arias, os Méndez e os Espinosa, de quen descendeu o famoso filósofo xudeu Baruch Spinoza. Sábese que se dedicaron ao comercio de panos, alfaias e pañería, así como á explotación mineira, entón moito máis importante que agora. A Coruña, Existen fundamentadas razóns para pensar que logo das persecucións en Castela, un gran número de xudeus dese reino refuxiouse en Galicia en xeral e neste importante porto, en particular. Residían no barrio A Rabiada, e un pouco máis para o mar, estaba a chamada Pena de dous Xudeus, lugares que forma actualmente o ensanche da cidade. Tense coñecemento de que os xudeus comerciaban con Castela e Aragón, e que en 1451 contribuíron cunha elevada suma para o rescate da xudería de Murcia
Monforte de Lemos
Outra localidade galega que tivo a súa importante xudería, e que tomou a iniciativa de rescatar o seu pasado xudeu. A ampla obra reunida, que se debe principalmente aos desvelos do historiador Felipe Aira Pardo, bríndanos abondosa información sobre a comunidade xudís. Este traballo de investigación que consta de 100 páxinas e fotografías permitiu a esa localidade ser incluída na "Rede de Xuderías de España "Camiños de Sefarad" en novembro do ano 2001. Esta asociación aglutina ás cidades de España que conservan un importante pasado semita, e forma parte delas as cidades de Cáceres, Córdoba, Girona, Hervás, Oviedo, Ribadavia, Segovia, Toledo, Tortosa, Tudela, ademais de Besalú, Calahorra, Lizarra, Plasencia, Tarazona e a cidade que se comenta. Pola documentación reunida se evidencia que os xudeus de Monforte de Lemos non tiveron unha zona concreta de concentración. Situábanse en torno ás portas de vila e nas prazas do mercado. As novas máis antigas remóntanse ao século X, en concreto, un documento do ano 915 que nomea a un Ismael "Xudeu". Durante o século XIV varios titulares do Señorío de Lemos designaron a xudeus para postos importantes. Cabe destacar ao Infante Filipe, home que gozaba da amizade coa comunidade hebrea, ate o punto de que o hebreo Yuzaf de Ecija converteuse en almoxarife real de Afonso IX,.
Teñense atopado documentos inéditos que sitúan as rúas en onde moraron xudeus, que na súa maioría corresponden ao século XV, cando se producen a maior presenza semita en Monforte. Os sucesos acaecidos no ano 1391, coas persecucións e matanzas sistemáticas de hebreos en diversas rexións de España, influíron na elección de residencia das familias hebreas que en número importante se asentaron en Galicia. Os historiadores sinalan que os galegos estaban entón máis enfocados no movemento contra a nobreza, que na onda de antisemitismo que se estaba producindo noutras rexións españolas. Unha das conclusións máis importantes é que os hebreos viviron mesturados cos cristiáns en diversas rúas medievais, como por exemplo na rúa da Zapatería, hoxe coñecida co nome de Travesa do Cárcere Vello, ou na rúa dos Ferreiros. Eses estudos sitúan a sinagoga nun solar hoxe arruinado situado na rúa Falagueira, que disque estaba fronte ao vella casa do Concello de Monforte, o que perdurou ate o século XIX . A sinagoga so conserva os muros e ao fondo, lindando coa monte de S. Vicente, e dentro do propio solar hai dúas covas que, segundo os últimos datos e opinións especializadas poden corresponder ao "mikve". Trala expulsión de 1492 a maior parte dos hebreos que non quixeron converterse marcharon a Portugal, aínda que no ano 1496 emítese o edito de expulsión. Isto supuxo que moitos xudeus retornaran á veciña Galicia, iso si, convertidos ao cristianismo pero na súa maioría, de maneira falsa. Foi entón cando comezou un longo período que abarca a partir do século XVI ao XVIII, séculos nos que a Inquisición se cebou en moitas familias de conversos ou cristiáns novos asentados en Galicia, procesados por seguir fieis aos principios da relixión hebrea. Indícase que a familia máis importante xudía e logo conversa era a de apelido Gaibor. Os Gaibores asentados en Monforte, polo menos, a partir do século XV, eran de orixe hebreo e, segundo un documento da Inquisición de Santiago, do ano 1580, o seu tronco foi Xoán de Gaibor, pai de Xurxo de Gaibor, que se bautizou en idade xa avanzada, para salvarse da expulsión.Xoán de Gaibor aparece en foros de finais do século XV, pertencentes ao mosteiro de S. Vicente do Pino, concretándose que era Secretario do II Conde de Lemos. Os Gaibores son o mellor exemplo monfortino de que, a comunidade de xudeus, logo conversos de Lemos, contribuíron co seu traballo á construción daquela complexa sociedade dos séculos posteriores, ocupando cargos públicos no Concello da vila, ao servizo dos titulares da poboación e desenvolvendo unha intensa labor comercial. Varios membros desa familia foron procesados pola Inquisición. En ningún dos casos se chegou a consumar a pena nin probar nada, segundo documentación que se garda en Madrid. As familias fidalgas de apelido "De Lemos" aveciñados no país lusitano, tiñan as súas raíces na terra galega. Os descendentes dos Condes de Lemos e os Condes de Amarante -López de Lemos- acadaron gran fama en Portugal. O que resulta certamente sorprendente e salientable é a cantidade de familias sefarditas que, a partir do século XVI ao actual, se estenden, sobre todo, por Europa central e América, tendo dous denominadores comúns: a súa ascendencia sefardita e o seu apelido "de Lemos".
Pontevedra
Antes de ser eclipsada por Vigo, esta era unha importante cidade portuaria que contaba cunha numerosa xudería, cuxas pegadas aínda son visibles entre o Parador Nacional e a igrexa de Santa María. Existen diferentes vestixios que atestiguan a súa presenza no medievo, cando participaron activamente na prosperidade da vila. Afírmase que a pianista xudía Martha Lehman, casada cun natural desa cidade, afirmaba a principios do século XX que a xudería de Pontevedra era entón unha das que se conservatan mellor en toda Europa.
Ribadavia
A xudería que houbo en Ribadavia era considerada a máis salientada de Galicia, tanto pola importancia que tivo como polo seu estado de conservación. De feito, o comercio do viño ribeiro foi case monopolizado polos xudeus, que xa na Idade Media se bebía en Italia, Países Baixos, Alemaña e Inglaterra. Ademais, foron eles quen perfeccionaron o cultivo das vides aproveitando o terreo en terrazas e estendendo a rede de regadíos. O historiador Emilio González do Centro de Estudos Medievais, sinala que a comunidade xudís en Ribadavia acadou unha densidade de poboación realmente considerable, agrupándose nunha zona que moi extensa, a partir da parte oeste da muralla, ao redor da chamada Porta Nova. Pese á gran extensión desta xudería, aínda había xudeus que convivían en boa veciñanza en barrios cristiáns, da mesma maneira que outros cristiáns residían na xudería. Esta colectividade persistiu en Ribadavia durante séculos, aínda a partir da expulsión dos xudeus polos Reis Católicos, xa que moitos deles se converteron ao cristianismo e foron considerados concidadáns con pleno dereito. Houbo xudeus conversos que, emparentados coa nobreza, chegaron a ostentar títulos nobiliarios. Agrega que a xudería de Ribadavia se conserva en bo estado, aínda cos cambios realizados a través do tempo. Aínda se ven longas e estreitas rúas que manteñen o seu sabor medieval, así como prazas e patios rodeados de fachadas polos que non parece ter pasado o tempo. O centro do Barrio Xudeu o constitúe a praza da Magdalena, así chamada porque nela hai unha Igrexa dedicada a esta santa. Alí atópase a edificación que albergou o corpo principal da sinagoga (antes ocupaba toda a fachada oeste da praza), e que se mantivo na súa estrutura orixinal ate principios do presente século, en que foi modificada a partir do primeiro piso. A sinagoga non só era casa de oración, senón un conxunto de casas nas que se realizaban moitas das actividades sociais. O barrio xudeu de Ribadavia, declarado Monumento Nacional, conserva multitude de vivendas con adegas que no seu día foron utilizadas para a elaboración de viño, ou como obradoiros artesanais. Polo seu pasado xudeu Ribadavia forma parte da Ruta das xuderías, coñecida como “Camiños de Sefarad”. Nos anais desta cidade de Galicia figura un feito que reafirma a estreita relación establecida pola comunidade xudía co País galego. O historiador Froissart relata que en 1386, cando os ingleses invadiron a cidade, os xudeus asumiron a defensa de dúas portas da cidade. E loitaron con tanta gallardía, ombro a ombro cos cristiáns, que cando os invasores lograron ocupar a praza forte, destruíron por vinganza unicamente o barrio xudeu. A convivencia e a tolerancia sempre sería a tónica nesa cidade, e se afírma que cando un daqueles señores feudais, Pedro Madruga, chegou para deter unha insurrección, logo de facer estragos nela e levarse como refén ao prior dun convento, exclamou todo anoxado: "Adeus, xudeus de Ribadavia!"
Santiago de Compostela
Quen visita a capital galega atopa non poucos indicios da presenza xudía nesta cidade tan reverenciada pola fe católica. Non só nas angostas rúas da cidade vella, senón nos lugares máis sagrados para o cristianismo. No chamado Pórtico da Gloria da Basílica, que sería a obra mestra da catedral, aparecen talladas moitas figuras do Vello Testamento, xunto coas do Novo. No arco da esquerda, por exemplo, xunto á imaxe de Xesucristo se pode distinguir a Eva e Adán e a seguir, unha figura coroada que representa o patriarca Abraham, á que seguen Isaías, Xacob e Judá. Na beira esquerda aparece Moisés, levando a Lei, e a seguir Isaías, Daniel e Xeremías. Nos machons sobre os que descansa o arco lateral están representados Oseas, Joel, Amós e Abdías, todos eles profetas menores. Pero en especial se nota a presenza do rei David ao lado esquerdo na Porta das Praterías, unha verdadeira obra mestra da escultura románica. O historiador Juan Atienza estima que "todas estas figuras responden... ás esixencias do simbolismo medieval" Agrega que iso tiña unha evidente relación coa Cábala que era, incluso para os ocultistas cristiáns, unha ciencia que habería de conducir ao Saber Total. Todo iso permite chegar á conclusión que serían xudeus ou conversos os que tomaron parte activa na concepción e construción dese gran monumento xacobeo do século XII.O que parece evidente é que a xudería desta importante cidade se topaba a lombos da Catedral, polas Praterías. Alí vivirían moitos artesáns e pequenos comerciantes desa fe que se dedicaban á elaboración de obxectos de recordo, e que os peregrinos cristiáns compraban para levarse de volta aos seus fogares. Abarcaría as presentes rúas de Cervantes, de Troia, e a das Algalias que, ben se sabe, é unha deformación do vocábulo A Cabala. O límite do barrio se toparía na actual capela da Ánimas, e ao sur coas rúas e prazuelas en torno á parroquia de San Miguel

No hay comentarios: