A viaxe máis fermosa a Ribadavia é desde Ourense en tren, o río, os vales. Mellor no outono, cando tanto viñedo en terrazas se volve dourado, logo ensanguentado. Ribadavia ten moita historia, a capela prerrománica de Francelos, o castelo e as murallas. Xa se sabe: a Historia. Mais a Historia é catavento que sinala sempre o vento dos vencedores, por iso hai tan poucos estudos históricos sobre o esplendor xudeu que houbo entre nós. O que foi vencido non forma parte da nosa memoria histórica. Ribadavia é hoxe unha vila que apunta a decadencia en moitos aspectos, nese rueiro franquista (Xeneral Aranda, Xeneral Queipo de Llano), tamén no ritmo lánguido da súa vida; isto faina atractiva para quen vén da cidade ansiosa. Con todo, houbo unha época en que foi cidade próspera, con peso político e económico. A súa economía apoiouse no viño do Ribeiro, que abastecía ao reino e se exportaba a Inglaterra, Irlanda, Holanda, e na actividade dunha xudería próspera. Hoxe queda o viño, algúns mozos bodegueiros conseguiron recuperar o mellor padal e unha cooperativa o industrializa, pero dos xudeus só queda o rastro doente da luz que se apagou.
O barrio xudeu é un eco do que foi, é o que está desaparecido e imaxinamos, un aura de cousas tristes. É un baleiro que está declarado monumento nacional e ao que un recente revivir da memoria local deulle alento, ecos, como o Bar O Xudío, Artesanía Memorali, que nos ofrece un 20% de desconto (un candelabro de sete brazos); o pub Sefirot, con luz de neon azul; Chacinería María Rosa a Hebraica, que está pechada e non podemos saber se traballa porco ou cabritos. E a mobilización da poboación para conmemorar cada ano a Festa dá Istoria, celebrada ate o ano 1846, en que Galicia se convulsionou nunha revolución liberal e autonomista, fracasada, claro. O eco destas celebracións do tempo xudeu chegou aínda ate o 36 en comparsas de carnaval, o Entroido, como A Garda Xudía ou Os xudeus. Desde hai poucos anos, os veciños volveron vestirse de xudeus medievais e a súa Festa dá Istoria atrae cada ano a máis forasteiros (nesta ocasión o 1 de setembro).
Na actual praza da Magdalena está o bo edificio que foi a sinagoga dos séculos XII ao XIII, hoxe casa de veciños, e que conserva restos da porta e columnas exteriores. No primeiro andar, un televisor fala e emite os seus reflexos. Nun lateral está a taberna O Papuxo, unha interesante viaxe no tempo a unha taberna medieval; de alí arrinca un túnel duns 25 metros utilizado para celebrar o culto xudeu logo da prohibición ou ben para fuxir en caso de persecución. Nun local contiguo instalouse un pub, agora pechado; alí chega unha canalización de auga que desemboca nunha gárgola, probablemente enchía o Baño do Ritual. Inexplicablemente, estes restos non foron escavados nin estudados, e só temos ruínas maltratadas.
Quen garda a memoria cunha fidelidade exemplar é a dona da Tafona de Herminia, que exhibe a Estrela de David no seu letreiro e coce pastas e pasteis saborosísimos con receitas xudías. Herminia amosa o seu libro onde asinan os visitantes, na súa maioría xudeus de varios países; carácteres en hebreo alternan con palabras castelás, galegas, inglesas. Cada mensaxe, a pegada de alguén que busca a súa memoria afastada. Herminia, na súa tenda próxima á Porta Nova, o muro da xudería, é a gardiá da memoria e a embaixadora dun país desaparecido.
É de noite, vai un frío húmido nesta Ribadavia de pedra. Onde había unha alameda moi bonita, están facendo un aparcamento. Desde algún lado chegan as disciplinadas gaitas dunha desas estrañas bandas case escocesas, nenos con saia e bonete, que a Deputación estende pola provincia, sen dúbida un polen de internacionalidade ou algo así. O amplo local do Círculo Artístico acolle a anciáns distinguidos e señoras ao parchís. Pasa o tren sobre o río con estrondo familiar e doméstico.
Sabor delicado.
Pola mañá imos cara a Santa María de Beade, as cepas chegan ate o cemiterio (que sabor delicado terá ese viño?). Fronte á igrexa, un calvario de tres cruceiros. No mesmo lugar, unha pedra, A Pingueira, onde contan que a Inquisición torturaba aos xudaizantes.
Máis adiante, a parroquia de Berán, que ten un balneario de augas sulfurosas e ferruxinosas, e onde aínda cocen unha peza de pan sen lévedo ao que chaman paseada. Preto de Ribadavia, aínda que xa pertencendo ao Concello do Carballiño, está a aldea de Pazos de Arenteiro, onde Florentino, ilustrado e amable sancristán, vén de podar as súas cepas e amosa a Estrela de David inscrita nun muro fronte á igrexa templaria. Ao costado desta linda igrexa, o Cadillac dun emigrante americano.
Preto de Pazos está un descubrimento, o barrio xudeu da aldea de Quintela-Cabanelas, unha aldea agonizante e fermosa, habitada na súa maior parte por anciáns. No alto da aldea, un grupo de casas de cantería con fiestras xeminadas, unha fonte de boa cantería, todo un barrio de tellados caídos, ruínas e silvas. A Casa do Recadador, que era vivenda e na súa parte baixa, seguramente, sinagoga. Cunha Estrela de David en relevo no lintel e as facianas dos donos, o xudeu e a xudía, aos lados.
Carácteres hebreos na cantería. Todo caído e descoñecido. Unha anciá veciña acompáñanos con coidado entre vigas caídas e silveiras alternando o relato do seu mal de corazón coas historias dos antigos habitantes. As ruínas de Cabanelas moven a reflexionar sobre a idea empobrecedora dun Estado-nación que non inclúe ao xudeu, ao musulmán, ao diferente. Como serían hoxe Cabanelas, Ribadavia, tantos pobos e cidades galegas, se os Reis Católicos non expulsasen aos xudeus?
Publicado no suplemento EL VIAJERO do xornal EL PAIS (21/06/2001)
4 comentarios:
parabéns pelo excelente blogue.
Sliver
http://observatoriodajihad.blogspot.com/
Saúdos de benvida e noraboa. Veño de colgar un post no meu blog recomendando este reencontro coa cultura xudía en Ribadavia (www.asuvasnasolaina.blogspot.com)
Veño recomendado por o señor Valcárcel. Paga a pena.
Saúdos
http://eu-e-galiza.blogspot.com
Non veño recomendado por ninguén. Son Marcialg e aprobeito para preguntarlles se teñen algo de bibliografía sobre os xudeos en Valdeorras. Hai un libro do Instituto de Estudios Vadeorreses, no que ao parecer se documenta a orixe italiana-catalana das familias xudeas de Valdeorras.
Felicitacións pola páxina, lembro a impronta que tivo a revista Raices en Ribadavia e celebro as moxenas do Monte Sinaí.
Unha aperta
marcialg
Publicar un comentario